- Desde esta semana as empresas navieiras autorizadas a operar este tipo de viaxes a Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada terán unha hora para completar e pechar a reserva
- Os cambios enmárcanse no proceso de mellora continua do sistema que leva a cabo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia co fin de optimizar a xestión da central e acadar unha maior transparencia no acceso á información
A Xunta acaba de introducir unha serie de melloras no funcionamento da súa central de reservas para o transporte de grupos ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A xestión das autorizacións necesarias para facer estas visitas grupais realízase directamente por parte das empresas navieiras que ofrecen transporte aos catro arquipélagos.
Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, titular do Parque Nacional, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), na súa condición de órgano xestor da central de reservas da Xunta, acaban de modificar a aplicación web que utilizan as navieiras no marco dun proceso de mellora continua co que se busca optimizar o funcionamento do sistema e adaptalo ás novas necesidades.
En concreto e desde esta semana, as empresas usuarias deberán completar e pechar a reserva de grupos para visitar calquera dos arquipélagos no prazo máximo dunha hora desde a súa creación. En caso de que non a pechen nese tempo, a reserva anularase automaticamente e as prazas volverán incorporarse ao cupo xeral como libres.
Grazas a este cambio evítase que reservas grupais sen confirmar bloqueen prazas dispoñibles, impedindo así que sexan utilizadas por outros usuarios interesados en viaxar ás illas nesas mesmas datas.
Cómpre lembrar que para visitar os distintos arquipélagos do Parque Nacional, ademais do acceso en transporte regular, existe unha modalidade de grupos organizados. Segundo figura no Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) deste espazo natural, os limiares máximos de visitantes que poden acceder pola modalidade de grupos no caso de Cíes e Ons son, en tempada baixa, de 100-200 persoas (carga total por día de estadía nas illas) e en tempada alta (Semana Santa e do 15 de maio ao 15 de setembro) de 250-450.
Así mesmo, para acceder aos arquipélagos de Cortegada e Sálvora a carga total diaria na modalidade de grupos organizados non varía ao longo de todo o ano e queda fixada no PRUX entre as 150 e as 250 persoas tanto en tempada alta como en baixa, xa que cómpre ter en conta que non existe transporte regular a estas dúas illas.
Ademais, para dotar o sistema dunha maior transparencia, cando a navieira acceda a través da aplicación web á pantalla de creación dun grupo novo amosaránselle os datos detallados do cupo que exista nese momento (número de autorizacións xeradas por cada naviera; prazas aínda dispoñibles dentro do límite reservado ao transporte colectivo; tempo máximo para completar as reservas…).
Deste xeito e coas melloras introducidas no sistema de reservas para visitar en grupo as Illas Atlánticas, a Xunta espera lograr unha mellora na xestión deste tipo de autorizacións e unha maior transparencia para as empresas navieiras usuarias.