- Ángeles Vázquez aposta por continuar co espírito co que naceu a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia e contar coa participación e a unión de todos os axentes implicados para acadar unha costa máis sostible e próspera
- Asegura que a normativa, que logrou a unanimidade do Tribunal Constitucional, é unha boa base para reformar a Lei de Costas estatal e adaptala á realidade
- A conselleira avoga por deixar atrás intereses particulares ou ideolóxicos e dar seguridade xurídica ás instalacións asentadas no dominio público marítimo-terrestre, fronte ao plan do Goberno central de eliminar calquera vestixio humano do litoral
- O Executivo galego habilitou un procedemento dixital único para tramitar as solicitudes de autorización ou concesión, en vez dos cinco formularios en papel exixidos pola Administración central, co fin de facilitar as xestións da cidadanía
- A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático lamenta que algúns dos preto de 500 expedientes transferidos polo Estado a Galicia o pasado 30 de xuño tiñan que resolverse esa mesma semana, o que requiriu dun importante esforzo da Xunta
- O Goberno autonómico traballa co fin de simplificar os procedementos, velar polos valores naturais, culturais, patrimoniais e socioeconómicos con distintas medidas para poñelos en valor e favorecer a súa recuperación, conservación e expansión
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, propuxo hoxe no pleno do Parlamento un gran pacto de país para despregar todo o potencial do litoral da comunidade a través dun marco lexislativo -a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga)- que se converteu nun referente para o resto de autonomías de España.
A representante do Executivo galego compareceu a petición propia na Cámara, onde apostou por continuar co espírito co que naceu a normativa galega -coa participación de todos os axentes implicados- e pola unión de esforzos para acadar unha costa máis sostible e próspera. De feito, a Loxilga ten entre os seus principios buscar o equilibrio entre a protección do medio ambiente e o desenvolvemento social e económico das zonas costeiras, incluíndo a adaptación aos efectos do cambio climático.
Nesta liña, a conselleira sinalou que o cumio de concellos costeiros previsto para o mes de setembro será o punto de partida para impulsar ese pacto galego polo litoral co obxectivo de converter a costa de Galicia nun exemplo de dinamismo económico sostible. Para logralo, Ángeles Vázquez apelou ao compromiso do conxunto da sociedade -administracións, empresarios, investigadores, entidades sociais e partidos políticos, entre outras organizacións- para que ese pacto teña un efecto transformador e sitúe á comunidade como referente europeo en gobernanza costeira.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático subliñou que a xestión integrada do litoral debe transcender os intereses particulares ou ideolóxicos e avanzar cara un modelo de sostibilidade ambiental, social e económica que ofreza garantías xurídicas a todos aqueles que teñen algún tipo de interese no dominio público marítimo-terrestre.
Por iso, avogou por deixar atrás a etapa de división e enfrontamentos protagonizada polo Goberno central froito da súa vontade de eliminar da costa calquera vestixio de presenza humana independentemente das consecuencias socioeconómicas que esa expulsión puidese ter. Agora, salientou, a comunidade pasa a exercer plenamente as competencias en materia de ordenación do litoral aspirando a facelo do mellor xeito pois as galegas e galegos son os que mellor coñecen a súa costa e, polo tanto, saben coidala e protexela aproveitando o seu potencial para crear emprego e oportunidades.
Ángeles Vázquez lembrou que a Loxilga foi froito dun traballo intenso da comunidade e que recibiu por unanimidade o aval do Tribunal Constitucional recoñecendo que a xestión do litoral era unha competencia xa recoñecida polo estatuto de autonomía, polo que non era necesaria a súa transferencia, en contra do que defendía o Goberno central e dando a razón ao Executivo galego. Neste sentido, puxo en valor que a normativa foi todo un exemplo para outras comunidades -Valencia, Andalucía, País Vasco, Cantabria ou Baleares- e permitiulles abrir camiño na xestión do seu propio litoral.
Normativa estatal
Precisamente por ese motivo, a conselleira reivindicou o carácter innovador da normativa galega e incidiu en que debe ser a chave para abrir a porta a que se modifique a Lei de Costas do Estado, adaptándoa á realidade actual e facendo que dea resposta ás necesidades do conxunto da cidadanía. De feito, incidiu en que é unha demanda -a de reformar a lei estatal- que non só defende Galicia senón tamén outras autonomías e que a Loxilga é un bo punto de partida para que o conxunto de España teña unha regulación moderna, innovadora e comprometida co desenvolvemento sostible do litoral.
Unha vez completada a transferencia de funcións e servizos sobre a xestión do litoral, insistiu a responsable autonómica, o obxectivo de Galicia é dar seguridade xurídica ao conxunto da cidadanía e avanzar na dixitalización e simplificación dos trámites, unhas cuestións nas que xa se estivo a traballar antes de comezar co exercicio pleno das competencias. De feito, a Xunta ten habilitada desde o pasado 1 de xullo a solicitude única para todos os procedementos, unificando nun único formulario todas as solicitudes de autorizacións ou concesións no litoral.
Neste sentido, aclarou a conselleira, pasouse dos cinco formularios en papel que exixía o Goberno central a un único e electrónico no caso do Executivo galego, o que simplificará e axilizará os trámites. A maiores, a comunidade tamén conta cun novo servizo a disposición da cidadanía -Galicia litoral- co que se ofrece a través da web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e do teléfono 012 información para atender as posibles dúbidas en relación cos distintos procedementos.
Expedientes transferidos
En relación cos expedientes transferidos pola Administración central á comunidade autónoma, Ángeles Vázquez detallou que o pasado 30 de xuño a Xunta recibiu arredor de 500 e que está previsto que nos próximos días remita outros tantos. Neste sentido, lamentou que, para sorpresa do Executivo galego, moitos destes expedientes de autorización tiñan que estar resoltos xa a pasada semana, polo que os técnicos da Xunta traballaron arreo para atender as solicitudes en tempo e forma.
Precisamente, para axilizar e optimizar os servizos, a comunidade vai reforzar a estrutura administrativa co fin de dar resposta con rigorosidade aos expedientes de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre. Trátase dun asunto vital tendo en conta que estamos a falar de xestionar 1,6 millóns de hectáreas de costa, un territorio no que se concentra o 58% da poboación galega, 1,5 millóns de persoas pertencentes a 86 concellos.
Por iso mesmo, é unha cuestión transversal na que están involucrados todos os departamentos da Xunta, que están a traballar tamén en distintas iniciativas para favorecer o desenvolvemento sostible da costa e a posta en valor dos valores naturais, patrimoniais e culturais dos distintos espazos.
Entre elas, a responsable autonómica destacou algunhas como a creación do Rexistro do litoral -con todas as autorizacións ou concesións outorgadas na costa-, o concurso de ideas para deseñar un prototipo de chiringuito biosostible, a rede de sendas do litoral, a de establecementos turísticos ou o programa de revitalización do patrimonio costeiro, para recuperar edificacións de especial valor arquitectónico, histórico ou cultural.
A estas accións engadiranse tamén o cumio de municipios costeiros de Galicia e o de comunidades autónomas con litoral, co fin de avanzar na cogobernanza na xestión do dominio público marítimo-terrestre e aproveitar as sinerxías con outras autonomías que tamén están a exercer competencias en materia de xestión dos espazos do litoral.