A Xunta pon as 7.000 visitas previstas esta Semana Santa ás Illas Atlánticas como exemplo do equilibrio entre protección ambiental e uso público do Parque Nacional

Redacción
Lectura mínima de 5
  • Ángeles Vázquez pon en valor o compromiso da Xunta para garantir a conservación da biodiversidade e a mellora da accesibilidade nas illas Cíes
  • Salienta que o Parque Nacional está a conseguir avances pioneiros para garantir a preservación da camariña, que é unha especie especialmente fráxil ás especies invasoras e ás accións humanas
  • Subliña que a reparación integral do pantalán de Rodas permite recuperar a súa plena operatividade tras os danos provocados polos temporais do pasado inverno

A Xunta pon as máis de 7.000 visitas previstas para esta Semana Santa ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia como exemplo do equilibrio entre a conservación ambiental e o uso público deste espazo protexido. No caso das illas Cíes, que hoxe visitou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, rózanse xa as 5.700 reservas.

Segundo dixo Ángeles Vázquez, a afluencia prevista é boa mostra do modelo polo que aposta o Goberno galego que garante a preservación dos valores ambientais, patrimoniais, paisaxísticos e etnográficos do Parque Natural á vez que promove un turismo sostible e respectuoso coa contorna.

Nesa liña, Ángeles Vázquez puxo en valor o compromiso da Xunta para garantir a preservación da biodiversidade e a mellora da accesibilidade nas illas Cíes. De feito, a súa visita de hoxe a Cíes tivo como motivo participar na plantación de novos exemplares de camariña (Corema album), que é unha especie característica das dunas atlánticas, e comprobar o resultado dos traballos realizados para reparar o pantalán de Rodas, logo dos danos sufridos a causa do temporal Kristin.

Segundo dixo a conselleira, o Parque Nacional, en colaboración coa Universidade de Vigo e o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela, está a conseguir “avances pioneiros” de cara a garantir a preservación da camariña, que é unha especie que presenta grandes dificultades para a súa reprodución e que, ademais, é especialmente fráxil ás especies invasoras e ás accións humanas.

Así, no marco do proxecto Life Insular, o persoal do Parque Natural conseguiu reproducir a camariña de forma natural no viveiro do parque, obtendo 300 exemplares. En 2024 plantáronse os primeiros exemplares nas dunas de Cíes, cunha supervivencia próxima ao 80% tras máis dun ano de seguimento. Nese senso, o viveiro de Cíes contará nas próximas semanas con máis de 2.300 exemplares de camariña destinados ao reforzo de poboacións naturais.

Deste xeito, a produción de exemplares no viveiro de Cíes, así como a súa plantación nas áreas dunares do arquipélago, supón, tal e como subliñou Ángeles Vázquez, “un paso decisivo” para reforzar as poboacións naturais e asegurar a conservación a longo prazo desta especie autóctona emblemática, así como para garantir a protección dun hábitat especialmente sensible.

Mellora accesibilidade

A maiores, na liña de combinar a preservación da riqueza ambiental do Parque Natural co desfrute por parte da cidadanía, a conselleira puxo en valor a reparación integral do pantalán de Rodas que recupera a súa plena operatividade tras os danos provocados polos temporais do pasado inverno. Nese senso, Ángeles Vázquez incidiu en que esta actuación garante  a seguridade das persoas usuarias e das embarcacións e permite afrontar a Semana Santa -unha das épocas de maior afluencia de visitantes ás illas- con todas as garantías.

Ademais, Ángeles Vázquez salientou a capacidade de resposta das administracións reforzando a instalación ante futuros fenómenos meteorolóxicos adversos e asegurando a operatividade de atracada durante todo o ano. Así mesmo, fixo fincapé na “eficaz coordinación” entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Autoridade Portuaria de Vigo, que desenvolveu esta actuación, cun investimento de 40.000 euros.

Así mesmo, a conselleira informou de que a Xunta licitou a adquisición de madeira para a renovación da pasarela de madeira da praia de Rodas, que conecta o areal co peirao. O obxectivo é mellorar a accesibilidade e preservar o ecosistema dunar, protexendo especie vexetais endémicas, como pode ser a camariña.

A previsión é que os traballos máis urxentes de acondicionamento se executen antes do inicio da tempada estival, mentres que a renovación integral da pasarela se realizará tras o verán. Esta actuación enmárcase nos traballos de mantemento e mellora das infraestruturas do Parque Nacional que se están a desenvolver para garantir a seguridade, a conservación ambiental e a adecuada preparación das illas para recibir visitas.

Comparte este artigo