- Ángeles Vázquez incide en que ademais de reciclar máis, hai que reciclar mellor e para conseguilo é preciso informar, concienciar e implicar á cidadanía
- En base a esta acción, que se desenvolve por primeira vez en Galicia, 55 contedores de fracción resto dos barrios do Restollal e do Castiñeiriño, en Santiago de Compostela, pasarán a abrirse mediante tarxetas específicas que se lle entregarán aos veciños
- O proxecto, que se desenvolverá ata final de ano, inclúe tamén a presenza de informadores ambientais na rúa, así como talleres e puntos informativos itinerantes para explicar o funcionamentos dos peches, axudar a separar correctamente os residuos e atender posibles incidencias
A Xunta de Galicia pon en marcha un proxecto piloto para mellorar a separación en orixe dos residuos domésticos a través do acceso con identificación aos contedores de fracción resto, tal e como anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a presentación desta iniciativa enmarcada na campaña Cada cousa no seu sitio.
En concreto, en base a esta acción, 55 contedores de fracción resto dos barrios do Restollal e do Castiñeiriño, en Santiago de Compostela, pasarán a abrirse mediante tarxetas específicas que lle serán entregadas aos veciños. A previsión é que participen nesta iniciativa un total de 3.000 fogares.
Cómpre indicar que, ademais das tarxetas para os contedores, o proxecto, que se desenvolverá ata final de ano, inclúe tamén a presenza de informadores ambientais na rúa e a pé de contedor, así como talleres e puntos informativos itinerantes nos dous barrios para explicar o funcionamentos dos peches, axudar a separar correctamente os residuos e atender posibles incidencias durante os primeiros días de funcionamento.
A conselleira incidiu en que ademais de reciclar máis, hai que reciclar mellor e para conseguilo é preciso informar, concienciar e implicar á cidadanía. De feito, subliñou que ningunha medida ambiental pode ter éxito sen a implicación da poboación. Así, o éxito deste proxecto piloto non vai depender só das tarxetas, dos contedores ou dos recursos que poñamos enriba da mesa, senón, sobre todo, das decisións que cada familia tome no día a día na súa casa.
Nese senso, a representante autonómica agradeceu ao Concello de Santiago de Compostela e á veciñanza destes barrios a súa colaboración nesta iniciativa, que conta cun investimento de 340.000 euros e que podería estenderse a outros puntos do concello e tamén a outras cidades galegas. Cómpre indicar que aínda que é a primeira vez que se desenvolve esta iniciativa en Galicia, con anterioridade xa se levou a cabo noutros puntos de España como Barcelona, Pamplona ou nas mancomunidades vascas de Sasieta e Alto Deba.
Esta acción enmárcase no convenio de colaboración subscrito o pasado mes de xaneiro entre a Xunta de Galicia e Ecoembes para impulsar a correcta separación de residuos, concretamente os referentes ao contedor amarelo -latas, briks e envases de plástico-.
Co fin de seguir avanzando nunha boa xestión dos residuos, cómpre lembrar que en virtude deste acordo, a entidade prevé destinar arredor de 57 millóns de euros aos concellos galegos pola súa cooperación na recollida e xestión dos residuos de envases lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento das retribucións do 26%.

