A Xunta pon en valor a importancia da Rede Galega de Ruído para avanzar na concienciación sobre a contaminación acústica e o seu impacto na poboación

Redacción
Lectura mínima de 6
  • Ángeles Vázquez lembra que Galicia foi pioneira á hora de abordar unha regulación propia neste eido e dispón a día de hoxe dun total de 10 estacións con sonómetro
  • Salienta que o ruído ambiental é un “contaminante invisible pero que ten efectos reais” sobre a saúde e a calidade de vida tanto de persoas como de animais
  • O último informe sobre a situación acústica na Comunidade constata unha mellora nos valores a nivel global, en liña coa tendencia positiva detectada nos últimos anos, de forma que Galicia segue avanzando nos obxectivos da normativa sectorial vixente
  • O tráfico e as actividades de ocio son desde hai anos os principais factores humanos deste tipo de contaminación en Galicia aínda que tamén se estuda a incidencia sobre os niveis de ruído dos fenómenos de orixe meteorolóxica, que teñen especial relevancia e interese nas estacións de medición de Lalín e do Campus de Santiago

A Xunta de Galicia puxo en valor hoxe a importancia de contar cunha Rede de medición de ruído para a observación dos niveis acústicos tipo en diferentes zonas do territorio xa que coa difusión desta información se contribúe tamén a concienciar sobre as consecuencias que pode ter un exceso de ruído ambiental para a saúde e o benestar tanto das persoas como dos animais.

Coincidindo co Día internacional de concienciación sobre o ruído, unha efeméride que se empezou a conmemorar fai 30 anos, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá a estación de calidade do aire de Lalín, localizada nunha zona suburbana e que desde finais de 2022 conta con sonómetro.

Tras lembrar que Galicia foi unha das comunidades pioneiras en aprobar unha regulación propia sobre contaminación acústica, a responsable autonómica salientou que isto facilitou o impulso de políticas de sensibilización neste eido de cara a promover as medidas normativas que deben ir incorporando as administracións locais, que son as que ostentan a maioría das competencias na materia.

Ademais, explicou que a Xunta conta cunha Rede de ruído, englobada e integrada dentro das estacións da Rede de calidade do aire de Galicia, que consta actualmente de 10 estacións de titularidade pública con sonómetro (9 urbanas e 1 de entorno rural). Grazas a estas instalacións, recóllense valores cada 10 minutos que se reciben en tempo real en MeteoGalicia e, a partir de aí, calcúlanse os índices diarios e anuais de ruído.

Neste sentido, cómpre subliñar que a contaminación acústica é unha das alteracións ambientais que maior preocupación produce a nivel social xa que afecta ao benestar tanto das persoas como dos animais expostos a ela.

Así, a conselleira explicou que o ruído é “un contaminante invisible pero con efectos reais” que pode chegar a causar trastornos na poboación (como problemas auditivos, insomnio ou estrés, entre outros) e alteracións no comportamento de distintas especies de fauna, polo que avogou tamén por promover hábitos que contribúan á súa redución.

A información ambiental, responsabilidade autonómica

Malia que a aplicación da lexislación sectorial relacionada coa contaminación acústica corresponde maioritariamente aos concellos, a Xunta é responsable de informar á cidadanía sobre este fenómeno. Con tal fin, elabora un informe anual ao respecto e promove diferentes iniciativas de sensibilización para avanzar na prevención e o control do ruído ambiental, como charlas formativas e cursos dirixidos a distintos colectivos.

Precisamente, Ángeles Vázquez referiuse durante a súa visita a Lalín aos resultados do último informe anual sobre a situación acústica na Comunidade, correspondente ao ano 2024 e que constata unha mellora nos valores obtidos a nivel global, en liña coa tendencia positiva detectada tamén nos últimos anos.

A principal conclusión deste balance é que Galicia segue avanzando no cumprimento dos obxectivos e exixencias marcados pola normativa sectorial vixente nesta materia e consolida a redución dos niveis de ruído ambiental aos que se expón a poboación en comparación cos datos históricos dispoñibles.

Ademais, como sinalou a conselleira, o tráfico e as actividades de ocio (sobre todo o lecer nocturno) seguen sendo os principais axentes humanos de contaminación acústica en Galicia, ao igual que en anos anteriores. En todo caso, explicou que a Rede de ruído autonómica tamén analiza a incidencia que teñen outros factores ligados á actividade humana (como poden ser obras ou distintas actividades industriais e produtivas) e os propios fenómenos de orixe meteorolóxica.

Ao respecto, explicou que a estación de Lalín, pola súa propia localización nunha zona elevada e con pouco impacto acústico, é especialmente interesante para a análise de fenómenos naturais como a chuvia, o vento ou os raios. De feito, esta e a do Campus de Santiago son as únicas de Galicia que se consideran estacións de medida de ruído de fondo, que é o limiar natural de contaminación acústica existente nunha zona.

Comparte este artigo