Aberta a inscrición para participar nos obradoiros, que se desenvolverán do 8 ao 10 de maio a un prezo simbólico
Aprender a cultivar, crear, enxertar ou mesmo construír pequenos ecosistemas está agora ao alcance de toda a veciñanza. A Feira de Cultivos do Baixo Miño abre a inscrición para participar nun completo programa de 14 obradoiros que converterán a Goián nun espazo de aprendizaxe práctica e creativa arredor do sector verde.
As propostas, cun prezo simbólico, desenvolveranse durante a fin de semana da feira e abranguen disciplinas moi diversas. O venres abrirá o programa cun obradoiro de deseño de xardíns con Martín Toimil (IaND30), cultivo de rosais con Cristina Hernández (Casaplanta), enxertos con Uxío Mete (IES Antón Alonso Ríos) e xabóns naturais con plantas da man de ETL Xaruma.
O sábado será a quenda do cultivo de cogomelos con MycoGalicia Plantae, poda con Afonso Touceda, estampación ecoprint con Las Flores de Greta, terrario microcosmos con Damajuana Greens & Beans, que tamén impartirá un obradoiro de kokedamas, e de bonsais con Ignacio González Rivas.
O domingo pechará o ciclo cunha dobre proposta de arte floral e natureza: ramo natural e arte floral con Beltane Estudio Floral, que tamén ofrecerá un obradoiro de flor seca, e dúas actividades dirixidas ao público infantil centradas na creación de hoteis para insectos e bombas de sementes, impartidas por Biophilia Axencia Ambiental. No taller de hoteis de insectos as nenas e nenos participantes deberán ir acompañados dunha persoa adulta, mentres que no de bombas de sementes poden ir sos a partir dos 6 anos.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, resaltou o éxito que ten cada nova edición a programación de obradoiros, unha forma achegar coñecemento práctico á veciñanza e de seguir facendo da Feira de Cultivos “un espazo onde aprender facendo, onde a xente poida descubrir novas formas de relacionarse coa natureza e co sector produtivo da nosa contorna”.
Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Nuria Castro, tamén subliñou a resposta positiva dos talleres, que cada ano innovan en temática repetindo os que teñen sempre unha alta demanda. “Cada edición vemos máis interese e máis participación. Estes obradoiros son unha oportunidade para conectar o público co traballo real do sector, con profesionais que transmiten coñecemento dun xeito próximo e accesible”, asegurou.
Concello e acuBam destacan que esta programación formativa reforza o carácter divulgativo da Feira de Cultivos do Baixo Miño, consolidándoa como un referente non só comercial, senón tamén educativo e de divulgación do sector verde en Galicia.

