HomeXunta de GaliciaA Xunta prevé formar mais de 12.000 efectivos dos corpos de seguridade...

A Xunta prevé formar mais de 12.000 efectivos dos corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias ata xuño a través da Academia Galega de Seguridade Pública

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villlanueva, presidiu hoxe o Consello Reitor da Agasp, no que se avaliou o plan formativo do primeiro semestre deste ano
  • A Academia seguirá a actualizar os coñecementos do persoal da Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional, Garda Civil xunto cos dos servizos como Protección Civil, GES, servizos de extinción de incendios ou socorristas
  • Tanto no ámbito da seguridade como no das emerxencias se aposta pola formación en liña para facilitar a asistencia de todas as persoas interesadas

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe o Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) no que se aprobaron os plans de formación destinados a membros dos corpos e forzas de seguridade, por unha banda, e a persoal dos servizos de emerxencias, por outra. O conxunto das accións formativas previstas para o primeiro semestre de 2025 suma medio milleiro, con 250 no eido da seguridade pública e outras tantas no das emerxencias.

Segundo o plan presentado no eido da seguridade pública, neste exercicio os axentes de Policía Autonómica, Policía Nacional, Policía Local e Garda Civil dispoñen de case 5.000 prazas para recibir preto de 8.000 horas lectivas en 163 cursos programados en diferentes edicións que suman 250 accións formativas.

A Policía Local acapara a meirande parte do programa formativo, con 92 cursos e 2.922 prazas. Neste exercicio renóvase en máis do 80% o plan de formación continua para adaptalo ás demandas específicas e á realidade social. Deste xeito, amplíase a oferta formativa en liña na parte teórica e refórzase o horario das sesións prácticas, presenciais. En canto aos contidos, incídese na parte psicolóxica e na formación relacionada con colectivos vulnerables, como menores, vítimas de violencia de xénero e persoas maiores.

Pola súa banda, a Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA) é a destinataria de 40 accións formativas que suman máis dun milleiro de prazas. As sesións van dirixidas ás súas unidades específicas, como o Equipo de Resposta Policial (Erpol) con formación sobre o patrimonio arqueolóxico somerxido, o uso do scooter subacuático ou actualización en materia de furtivismo, entre outros. Desenvolverase tamén unha formación extensa en materia de violencia de xénero, menores e persoas vulnerables.

A Policia Nacional centrará a súa formación na práctica do tiro, na habilitación no uso do Desfibrilador Semiautomático (DESA) e na xestión de conflitos para os seus mandos, coa realización de 60 horas lectivas e 256 prazas, mentres que a Garda Civil a través de 27 cursos con 645 prazas, vaise formar en violencia de xénero, falar en público ante medios de comunicación, condución, tiro, mobilidade vertical ou piloto de aeronaves non tripuladas entre outra formación.

Neste primeiro semestre continúa tamén o curso selectivo da 17ª promoción de policía local, con mais de 4.000 horas lectivas, ademais de desenvolverse os curso selectivos de promoción interna as categorías de oficial, inspector e inspector principal dos corpos da policía local. A programación en seguridade complétase con varias xornadas de interese xeral no ámbito do tráfico e seguridade viaria, violencia de xénero, habilidades sociais e novas tecnoloxías entre outros.

Preto de 7.500 prazas para formación en emerxencias

Pola súa banda, o persoal dos servizos de emerxencias dispón neste primeiro semestre de case 7.500 prazas para realizar preto de 9.000 horas lectivas nas 250 accións formativas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como axentes forestais e ambientais. Inclúese tamén aquí a formación en materia de socorrismo impartida para a inscrición no Rexistro Profesional de persoal socorrista.

O voluntariado de Protección Civil  contará con case 3.000 prazas para 121 cursos nos que se inclúe formación básica obrigatoria, actividades de loxística, manexo de equipos e apoio en intervencións. Aos profesionais dos servizos de emerxencias ofrécenselles máis de medio cento de cursos con 1.423 prazas e centrados na formación transversal en rescate e intervención, en operacións de axudas técnicas, en dirección e xestión das intervencións.

Para a formación en socorrismo resérvanse 34 accións formativas con máis dun milleiro de prazas e para o persoal dos GES, dous con 50 prazas. Canto á programación enmarcada no convenio de formación coa Consellería do Medio Rural, prevense 38 cursos con 1.741 prazas para abordar o manexo de maquinaria pesada na loita contra os incendios, primeiros auxilios, seguridade, investigación de lumes ou xestión de grandes incendios, entre outras cuestións. Completan o programa de formación na área das emerxencias catro cursos de condución de vehículos todoterreo con 80 prazas para formación de axentes a través do acordo coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

No eido das emerxencias, destaca a aposta pola descentralización xeográfica e a formación en liña co obxectivo de chegar a máis persoas interesadas na formación. De feito, con respecto ao voluntariado de Protección Civil, séguense convocando todos os cursos básicos precisos para cubrir a demanda de acceso a estes colectivos, ademais de seguir cubrindo a demanda formativa do conxunto dos profesionais de emerxencias e de reforzar as accións dirixidas a profesionais do socorrismo.

Publicacións Relacionadas