A Xunta promociona o Camiño de Santiago no mercado mexicano que rexistra un incremento do 60% no número de peregrinos no que vai de ano

Redacción
Lectura mínima de 3
  • O Camiño Francés é o itinerario máis elixido seguido do Portugués
  • México sitúase como un dos mercados internacionais máis relevantes para o destino Galicia, cun volume de gasto en 2025 que se achega aos 84M€

Turismo de Galicia continúa a súa planificación para promocionar a comunidade de maneira internacional, especialmente en mercados de gran relevancia como o mexicano, onde se busca reforzar o posicionamento de Galicia como destino de calidade.

Neste marco, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recibiu hoxe en Santiago de Compostela a un grupo de xornalistas mexicanos no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, no contexto dunha viaxe de familiarización co Camiño de Santiago organizada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Oficina Española de Turismo en México.

Durante a visita, Xosé Merelles constatou que “durante 2025, México consolidouse como un dos mercados internacionais máis importantes para o Camiño de Santiago, ao facerse entrega de 12.089 Compostelas a peregrinos procedentes dese país, sendo o 4% do total dos peregrinos internacionais”.

Ademais, segundo apuntou o director de Turismo de Galicia “no que vai de 2026, a tendencia continúa á alza, cun incremento do 58% respecto ao mesmo período de 2025 e un total de 1.633 Compostelas entregadas”. Para este colectivo de peregrinos, o Camiño Francés segue a ser o máis escollido, seguido das rutas do Camiño Portugués.

Xosé Merelles subliñou que o mexicano é o segundo mercado americano con maior volume de gasto turístico rexistrando en 2025 case 84M€, so superado polo estadounidense. O gasto medio diario do turista mexicano no pasado ano ascende a 164,10€, por riba da media internacional que se sitúa en 97,20€.

A viaxe de familiarización desenvólvese dende o 12 ata o 18 de abril de 2026. O seu obxectivo é permitir aos participantes coñecer en persoa as distintas rutas dos Camiños Portugués e Francés, así como percorrer diferentes localidades e visitar o patrimonio cultural de Galicia, participando nunha programación turística e cultural.

Entre o 13 e o 15 de abril, o grupo realizou un traxecto polo interior e a costa que percorre o Camiño Portugués, vivindo experiencias culturais vinculadas ao enoturismo e o patrimonio histórico da comunidade, pechando así a actividade no corazón do Camiño en Santiago de Compostela. A viaxe remata o 18 de abril co regreso dos profesionais a México. Nos seguintes días e ata a súa volta, o itinerario continúa polo Camiño Francés.

Comparte este artigo