HomeA CoruñaA Xunta promove o coñecemento dos queixos Galicia Calidade entre os veciños...

A Xunta promove o coñecemento dos queixos Galicia Calidade entre os veciños de Noia

- Anuncio -spot_img

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participou hoxe na Asociación Misela na presentación dunha nova campaña, “Semana Saudable: Unha semana para coñecer os queixos con DOP”, para fomentar o coñecemento dos produtos lácteos entre os máis pequenos. Ana Méndez, destacou a importancia desta acción pedagóxica e divulgativa, que se centra en achegar o mundo dos lácteos ás novas xeracións, resaltando a importancia do noso patrimonio gastronómico.

A catadora de queixos, Salomé Beiroa, guiará dende hoxe ata o venres 28 de febreiro, aos estudantes de catro centros educativos e dúas asociacións de educación especial, situados no concello de Noia, nunha experiencia sensorial que permitirá coñecer a orixe e o proceso de elaboración dos queixos con DOP de Galicia.

Os alumnos e alumnas participarán nunha serie de actividades nas que aprenderán as diferenzas entre leite cru e pasteurizado ou entre o queixo fresco ou curado, ou as diferentes denominacións de orixe coas que conta Galicia neste eido (San Simón da Costa, Cebreiro, Arzúa-Ulloa e Tetilla).

Como parte da experiencia, faranse catas de queixos de distintas empresas lácteas que posúen o distintivo de Galicia Calidade, como Feiraco, Innolact (Quescrem), Larsa, Leyma Natura, Río de Galicia, Pazo de Anzuxao, Pazo do Queixo, Queixería Barral, Queixería Casleiras, Queixería Daniberto, Queixería Santo André e Quesos Feijoo. A iniciativa tamén conta coa colaboración de Galifresh, que achegará a súa gama de purés de froita, dotada co selo de garantía Galicia Calidade.

Sobre Galicia Calidade

Galicia Calidade, integrada en Turismo de Galicia, é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con máis de 170 empresas adheridas e máis de 880 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Publicacións Relacionadas