Luis Menor reivindica o legado científico e humano de Marita Souto, “a gran gardiá dos mananciais de Ourense”

Redacción

O presidente da Deputación participou na homenaxe á investigadora ourensá celebrada no marco do II Congreso Internacional da Xestión da Balneoterapia

Menor destacou que Marita Souto “converteu a defensa das nosas augas nunha auténtica causa vital”, e abriu camiño para que Ourense ocupase unha posición de vangarda no ámbito termal

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reivindicou hoxe o legado científico e humano da doutora María Generosa Souto Figueroa, Marita Souto, durante a homenaxe celebrada no marco do II Congreso Internacional da Xestión da Balneoterapia.

Menor, que participou neste recoñecemento a unha das figuras máis relevantes da investigación e da divulgación do termalismo ourensán, definiuna como “a gran gardiá dos nosos mananciais”. Precisamente, sinalou que este acto representa “un exercicio de gratitude e de xustiza” cara a unha muller que dedicou a súa vida ao estudo, á defensa e á promoción das augas termais e mineromedicinais de Ourense.

“Falar de termalismo en Ourense é falar necesariamente de Marita Souto, da súa intelixencia, da súa determinación e dunha vocación científica que converteu a defensa das nosas augas nunha auténtica causa vital”, afirmou.

O presidente da Deputación destacou que a investigadora permanece presente “nos coñecementos que compartimos, nas liñas de investigación que contribuíu a abrir e na convicción de que as augas termais son saúde, ciencia, patrimonio e futuro”.

Unha científica adiantada ao seu tempo

Catedrática en Ciencias Químicas, licenciada en Farmacia, diplomada en Nutrición e Dietética Humana e docente durante boa parte da súa vida, Marita Souto desenvolveu unha extensa traxectoria académica e investigadora.

A súa vinculación co termalismo comezou na infancia, cando acompañou o seu pai ata os baños de Caldas de Partovia. A observación da auga que abrollaba da terra espertou nela unha fascinación que marcaría toda a súa carreira profesional.

A súa tese de doutoramento centrouse no estudo químico analítico das augas termais e mineromedicinais da provincia, contribuíndo a sentar as bases dunha investigación moderna e rigorosa sobre a riqueza termal de Ourense.

“Marita entendeu antes que moitos que aquilo que abrolla baixo os nosos pés non é unicamente un recurso natural, senón unha parte esencial da nosa identidade e unha extraordinaria oportunidade de desenvolvemento sanitario, social, económico e turístico”, subliñou Luis Menor.

A investigadora foi delegada en España da Federación Mundial de Hidroterapia e Climatoterapia, membro da Sociedade Internacional de Hidroloxía e Climatoloxía Médica e académica numeraria da Real Academia Europea de Doutores.

Ao longo da súa carreira recibiu recoñecementos como a Medalla Paul Couturier da Sociedade Francesa de Termalismo e Talasoterapia, a Medalla de Ouro de Termatalia ou o galardón Torres de Honra.

Unha defensora da provincia

Luis Menor lembrou tamén o profundo vínculo de Marita Souto coa provincia e a súa vontade de compartir o coñecemento para que os propios ourensáns valorasen a singularidade da súa riqueza termal.“Marita estudou esta provincia coa precisión dunha científica, pero tamén coa mirada de quen se sabía intimamente vinculada á súa terra”, afirmou o presidente provincial.

Ese compromiso quedou reflectido nas súas investigacións, intervencións e publicacións, entre elas obras editadas pola Deputación como Ourense, unha provincia singular, enigmática e sorprendente ou Ourense, terma bimilenaria.

Para Luis Menor, a homenaxe adquire un significado especial ao celebrarse nun congreso que reúne en Ourense representantes dos ámbitos aos que Marita Souto dedicou a súa vida: a ciencia, a saúde, a investigación, a xestión e o futuro do termalismo.

O presidente provincial concluíu reafirmando o compromiso da Deputación coa preservación do seu legado: “Temos a responsabilidade de continuar investigando, defendendo e poñendo en valor as nosas augas, e de traballar para que Ourense ocupe no mundo o lugar que Marita sabía que merecía”.

“Ela escribiu que esta era unha viaxe que non tiña fin. E non o terá, porque mentres as augas continúen abrollando desta terra permanecerá tamén nelas a memoria da súa gran gardiá”, rematou.

Comparte este artigo