- O concelleiro Rober Villar lembra que a nova lexislación obriga a clasificar os residuos nos fogares e sanciona que se deposite nos colectores lixo sen separar. Actualmente todas as persoas que o desexen poden solicitar un composteiros domésticos gratuíto.
- O tratamento do contedor de “resto” pasou de custar 73 € en 2023 a 122 € por tonelada, mentres que o vidro, plástico e cartón teñen un custo cero cunha reciclase axeitada. Villar advirte que, mesmo onde hai illas de reciclaxe preto das vivendas, só un 15% das persoas fan un uso correcto.
O Concello de Redondela fai un chamamento á colaboración de toda a veciñanza para mellorar os datos de separación de residuos no municipio. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Rober Villar, explicou que a xestión do lixo e a limpeza viaria constitúen un dos maiores esforzos económicos para as arcas municipais, un gasto que se disparou nos últimos anos polo encarecemento dos custos de tratamento do lixo. Villar incidiu en que a nova lexislación sobre residuos é estrita e obriga a que todos os refugallos sexan separados en orixe, fomentando a reciclaxe e o coidado do medio ambiente. “Separar xa no é unha opción, é unha obriga legal”, lembrou o concelleiro, quen advertiu que a normativa actual “sanciona que o lixo se deposite sen separar no contedor”. Por este motivo, o edil sinalou que “canto mellor separemos, menor será o custo do servizo, facéndoo máis sostible e cunha repercusión evidente no recibo do lixo de toda a veciñanza”. O edil fixo fincapé en que, mesmo naquelas zonas onde hai illas de reciclaxe preto das vivendas, tan só o 15% das persoas fan un uso correcto delas.
O concelleiro de Infraestruturas recoñeceu que o Concello debe mellorar o servizo e instalar máis colectores de reciclaxe, especialmente nas zonas do rural, “pero primeiro a cidadanía ten que facer os deberes”. Villar advertiu que quedan nove meses antes de que se teña que empezar a renovar o contrato do servizo de recollida de lixo, un fito clave para o peto dos contribuíntes. “Se a cidadanía recicla correctamente nestes meses, o novo contrato vai ser máis económico, o que se traducirá nun recibo máis barato para os fogares”, explicou o edil. Pola contra, Villar alertou de que “se a veciñanza segue con cotas de reciclaxe tan baixas, a taxa incrementarase máis”, debido aos estritos custos de penalización.
O impacto económico de non reciclar
Os custos do tratamento do lixo que se envía a SOGAMA (a fracción non reciclable correspondente ao contedor gris de “resto”) sufriron un incremento considerable do 67%. O municipio pasou de pagar 73,00 € por tonelada en 2023 a asumir un custo de 122,00 € por tonelada neste ano. En contraposición, Villar destaca que o tratamento do vidro, o plástico ou o cartón ten un custo de 0 € para o Concello se se deposita correctamente separado no seu colector correspondente. No caso da materia orgánica, o custo do contedor marrón é de 58 € por tonelada, a metade que a fracción resto. “Canto máis usemos a compostaxe e mellor separemos o lixo en cada colector, menos toneladas teremos no contedor de ‘resto’ e máis reduciremos a factura que o Concello paga a Sogama”, detallou Rober Villar.
O edil advirte que “canto mellor reciclemos e compostemos, máis aforraremos na xestión dos residuos”, polo que pediu o apoio firme tanto da veciñanza como dos establecementos comerciais e hostaleiros para non ter que repercutir novos incrementos no recibo do lixo.
Nova campaña de compostaxe doméstica
Como ferramenta para a reducir o lixo doméstico ponse en marcha unha unha nova campaña informativa sobre compostaxe coa entrega de máis de 100 composteiros de balde. O obxectivo é recuperar de forma cómoda e hixiénica a tradición do rural galego de aproveitar os restos orgánicos. Poden solicitar o composteiro calquera persoa que resida nunha vivenda illada en Redondela que conte cunha parcela ou horta de, como mínimo, 25 m². Poden solicitalo de xeito presencial no Concello, chamando ao teléfono 986 400 300, a través da web www.redondela.gal ou escaneando o código QR da cartelería oficial.
Esta iniciativa atópase cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

