HomeXunta de GaliciaA Xunta renova a colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas...

A Xunta renova a colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia a prol da accesibilidade nos actos institucionais

- Anuncio -spot_img

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou coa presidenta da federación, María Alonso Mesía, o acordo que permite dotar de medios de interpretación as actividades institucionais que se realicen ao longo deste ano de todas as áreas do sector público autonómico

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou esta mañá coa presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), María Alonso Mesía, o convenio de colaboración para o fomento da accesibilidade das persoas xordas e xordo cegas, en relación coas actividades institucionais que se leven a cabo este ano dirixidas á poboación xeral ou a colectivos específicos de todas as áreas do sector público autonómico. Ao acto tamén asistiu a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez.

Debido precisamente a que o ámbito de actuación se amplía a todo o sector público autonómico, cubrindo o maior número de actos posible co obxectivo e mellorar a integración do colectivo, tamén aumenta a contía do acordo de 2.500 a 5.000 euros. Deste xeito, a Xunta compensará os gastos derivados das actuacións enmarcadas no convenio.

Pola súa parte, a Faxpg facilitará os medios persoais necesarios para garantir o acceso do colectivo que representa á información facilitada nos eventos da Xunta. Comprométese ademais a difundir na súa páxina web todos os actos que encaixen neste marco de colaboración, a ofrecer accións formativas de lingua de signos a persoal da Administración autonómica e a dispoñer os medios persoais precisos en beneficio das persoas xordas e xordocegas para a celebración do Día da Discapacidade.

A través desta iniciativa, a Xunta pretende contribuír á eliminación das barreiras de comunicación que lles impiden ás persoas xordas e xordocegas unha participación plena nos eventos institucionais garantindo así que cheguen en condicións de igualdade a todos os colectivos, así como facilitarlles o acceso a toda a información que se transmite nestes actos.

Trátase dunha colaboración que se prolonga desde hai anos e que se suma a outras centradas en diferentes ámbitos autonómicos como o acceso á xustiza ou aos servizos de emerxencias.

Publicacións Relacionadas