- José González salientou que co programa Galicia Emprega, dotado nesta edición con preto de 20 M€, o Goberno galego promove a contratación de persoas desempregadas pertencentes aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral
- Destacou a feira de emprego Encontros 45+ como exemplo de colaboración público-privada e entre as accións de Galicia para atraer talento, citou as feiras de emprego que se celebrarán na Arxentina, o 6 e 7 de marzo, e no Uruguai, o 10 de marzo
- Subliñou o impulso de Galicia á formación flexible e á carta do tecido produtivo, tanto para persoas traballadoras como desempregadas, en liña do que promove a UE
- Puxo en valor o talento sénior no ámbito do emprendemento e sinalou que o 23% das persoas atendidas na Rede de polos ten entre 45 e 52 anos
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe na Coruña a aposta do Goberno galego por incentivar a empregabilidade das persoas maiores de 45 anos con accións como o programa Galicia Emprega, dotado con case 20 M€ nesta edición, e que promove a contratación nas empresas de persoas desempregadas pertencentes aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral e do que se poden solicitar axudas ata o 30 de setembro. Ademais, destacou o compromiso de Galicia coa captación e retención do talento por conta propia e allea, en particular neste caso, que pon en valor a feira de emprego Encontros 45+, organizada pola Cámara de Comercio da Coruña co apoio do Goberno galego.
Así o sinalou na inauguración da IV edición desta iniciativa, onde tamén estivo a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, así como a vicepresidenta e o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Luz Pardo e Manuel Galdo, respectivamente. Alí o conselleiro agradeceu a esta entidade o seu traballo a prol da competitividade do tecido produtivo da comunidade e do talento dos diferentes colectivos. Neste sentido, sinalou que esta iniciativa, que conecta persoas desempregadas de entre 45 e 65 anos con empresas, é un exemplo dos resultados da colaboración público-privada, xa que pon no foco a Galicia como a gran terra de oportunidades que é e contribúe a seguir consolidando un mercado laboral dinámico e inclusivo con emprego de calidade para todos os perfís da poboación activa.
José González tamén fixo fincapé na ambiciosa folla de ruta da Xunta para potenciar a empregabilidade das galegas e os galegos, captar talento -tanto no interior como no exterior- e, en paralelo, favorecer a competitividade do tecido empresarial galego. Unha estratexia na que tamén se enmarcan as feiras de emprego que se celebrarán na Arxentina, o 6 e 7 de marzo, e no Uruguai, o 10 de marzo, da man das empresas galegas para atraer talento á comunidade.
Atención ás necesidades das empresas
Dentro desta estratexia, o conselleiro salientou a importancia de casar oferta e demanda no mercado laboral e de ofrecer formación flexible e á carta do tecido produtivo, tanto para persoas traballadoras como desempregadas, en liña do que promove a Unión Europea. Uns ámbitos, nos que Galicia desenvolve medidas pioneiras, como a ferramenta EMi, dispoñible nas 54 oficinas de emprego e que se apoia na intelixencia artificial para contribuír, a través do perfilado competencial, a que as empresas poidan localizar o mellor talento ao tempo que as persoas que recorran a el poidan consolidar a súa traxectoria profesional. Desde setembro esta ferramenta permitiu o perfilado competencial de preto de 40.000 persoas.
En canto á aposta da Administración galega pola formación de curta duración, esta reflíctese en accións para persoas ocupadas, como a reedición das microformacións a demanda das empresas (4M€) ou os convenios vixentes con nove sectores estratéxicos para a reciclaxe profesional (7,5M€), e tamén para persoas desempregadas, como as unidades formativas en empresas con compromiso de contratación (8M€). A maiores, Galicia será pioneira no impulso dun decreto a favor das microcredenciais.
Ademais, o conselleiro salientou o valor do talento sénior no ámbito do emprendemento, no que puxo de relevo o labor da Rede de polos de emprendemento, que conta con 15 oficinas por toda Galicia. Nelas lévanse atendidos máis de 3.400 proxectos de diferentes sectores e o 23% das persoas atendidas ten entre 45 e 52 anos.