O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, asistiron hoxe á gala da entrega de premios da Federación Galega de Automobilismo, celebrada en Poio. No acto entregáronse os premios dos campionatos de 2024 e galardóns a diferentes persoas e entidades polo seu labor a prol do automobilismo, entre elas o conselleiro Diego Calvo.
Na súa intervención, o conselleiro de Deportes salientou a fortaleza do automobilismo en Galicia, tanto no aspecto deportivo como polo seu impacto no territorio desde un punto de vista social, económico e turístico. Así, sinalou a longa traxectoria e forte arraigo local de moitas das probas que se celebran na xeografía galega, convertendo Galicia nun referente do deporte do motor, e agradeceu o labor dos profesionais e as entidades que o fan posible, así como dos servizos de emerxencias que velan pola seguridade nestes eventos.