- Este instrumento, que se porá en marcha nos vindeiros meses, encargarase de facer un seguimento do cumprimento das medidas do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima 2030, que prevé mobilizar preto de 1.800 millóns de euros
- O fin último é acadar a neutralidade climática en 2040 mantendo a senda pola que a temperatura media en Galicia subiu a un ritmo de 0,20 graos centígrados por década desde 1961, fronte ao incremento de 0,25 graos do conxunto de España
- Paula Uría pon en valor iniciativas pioneiras na loita contra o quecemento global como a creación do programa Mocidade polo Clima ou as axudas a concellos para proxectos que promovan infraestruturas verdes en zonas urbanas e periurbanas
- A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático traballa para blindar a seguridade xurídica dos proxectos renovables coa retramitación dos parques eólicos suspendidos que o soliciten ao tempo autoriza repotenciacións voluntarias
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, compareceu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento onde avanzou que a Xunta vai poñer en marcha nos vindeiros meses a Oficina de Cambio Climático de Galicia co fin de facer un seguimento das medidas do II Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima 2030 (PRIEC). Ambos instrumentos buscan consolidar os avances na loita contra o quecemento global acadados nos últimos anos e que a comunidade siga sendo un referente a nivel nacional como refuxio climático, o que contribuirá a acadar a neutralidade climática en 2040.
A representante do Executivo galego salientou que a Administración autonómica ten clara a súa estratexia para os vindeiros anos e que ao abeiro do PRIEC 2030 se porán en marcha 93 medidas en sectores prioritarios como a enerxía, a mobilidade, a xestión da auga e dos residuos ou a protección dos ecosistemas coa mobilización de preto de 1.800 millóns de euros. Este investimento supón un incremento do 55% en relación co plan desenvolvido entre 2019 e 2023 ao aumentar un 33% orzamento no bloque de mitigación do cambio climático e duplicarse nos apartados relativos á dimensión social, á gobernanza e á sensibilización da cidadanía.
Esta planificación busca consolidar e reforzar os bos resultados acadados por Galicia nos últimos anos e décadas, que a converten nun auténtico refuxio climático dentro de España. De feito, desde 1961 a temperatura media subiu na comunidade galega a un ritmo de 0,20 graos centígrados por década, fronte ao incremento de 0,25 graos de media nacional. Outros datos que confirman o liderado de Galicia na acción climática son a redución das emisións contaminantes (-59,8%) -por enriba dos obxectivos europeos para 2030 (-55%)- e a súa maior capacidade para absorber dióxido de carbono, con arredor dunha de cada cinco capturadas en España.
Paula Uría destacou que a Xunta busca manter a boa senda na loita contra o cambio climático implicando ao conxunto da cidadanía con ferramentas como a Rede local polo clima -con 285 concellos adheridos e o obxectivo de chegar aos 313- ou a Alianza Galega polo Clima, que xa conta con preto de 200 empresas e entidades adheridas. A maiores, lembrou iniciativas como o programa de sensibilización e formación Mocidade polo Clima, que pretende concienciar ás novas xeracións sobre os retos e oportunidades que ofrece o escenario de cambio climático.
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático tamén puxo en valor iniciativas pioneiras como a convocatoria de axudas aos concellos para proxectos que promovan infraestruturas verdes nas zonas urbanas e periurbanas, dotada con 2 millóns de euros. Esta liña de achegas pretende contribuír a crear contornas máis resilientes, sostibles e saudables baseadas na natureza dotando as cidades de pulmóns verdes.
Importancia das renovables
A representante da Xunta incidiu ademais en que, para acadar a neutralidade climática en 2040, é fundamental intensificar o despregue das enerxías renovables e a eliminación progresiva dos combustibles fósiles en todos os ámbitos que sexa posible. Nesta liña, lamentou a parálise no desenvolvemento de proxectos eólicos na comunidade polas suspensións decretadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Neste sentido, Paula Uría salientou que o Executivo galego está a traballar para blindar a seguridade xurídica dos proxectos de enerxías renovables coa retramitación dos parques suspendidos que voluntariamente o soliciten -tendo en conta o interese público superior destas iniciativas- así como coa repotenciación daqueles que o precisen para mellorar a súa eficiencia e minimizar o impacto no territorio e na paisaxe.
A importancia da enerxía eólica queda de manifesto no feito de que case a metade da potencia enerxética galega procede da enerxía eólica, con 190 parques en funcionamento, e a súa implantación evita a emisión á atmosfera de máis de 3,8 millóns de toneladas de dióxido de carbono. Deste xeito, puxo en valor a directora xeral, este tipo de enerxía convértese nun gran aliado na loita contra o quecemento global, tal e como recoñece a propia Comisión Europea.