- Tras lembrar que esta é unha liñas de actuación da Xunta para reforzar a eficiencia do subministro, a conselleira avanza que, de forma preliminar, se estima en máis de 5 millóns de m3 ao ano a auga que sería susceptible de reutilizarse no eido industrial
- Explica que no marco dos traballos previos do novo Plan de abastecemento estase elaborando unha folla de ruta de reutilización dos recursos hídricos en Galicia para identificar ámbitos nos que esta vía sexa técnica, ambiental e economicamente viable
- Sinala que as medidas en marcha impulsadas por ENCE neste eido lle permitiron reducir xa nun 60% o seu consumo do río Lérez respecto ao ano 2017 e destaca o proxecto piloto que está a ultimar para poder rexenerar augas residuais procedentes da EDAR de Praceres e utilizalas no seu propio proceso produtivo
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou esta mañá ao tecido industrial presente en Galicia a apostar por fórmulas e proxectos destinados á reutilización da auga nos seus procesos produtivos, un eido que ofrece moitas vantaxes e posibilidades desde o punto de vista ambiental xa que reforza a sostibilidade das empresas e contribúe, á vez, a reforzar a garantía do abastecemento á poboación e a manter o caudal ecolóxico dos ríos.
Durante unha visita á biofábrica de ENCE en Pontevedra para coñecer precisamente os seus proxectos para mellorar a eficiencia no aproveitamento dos recursos hídricos que necesita para operar, a responsable autonómica lembrou que a reutilización tamén é unha das principais liñas de actuación nas que traballa a Xunta, sobre todo de cara a explorar a futuro o seu potencial para contribuír a reservar os recursos hídricos da comunidade para usos considerados prioritarios e aproveitar a auga rexenerada para cubrir necesidades industriais, agrícolas ou urbanas.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, a conselleira explicou que en base aos resultados preliminares dos que se dispón ata o momento, no conxunto da Comunidade estímase en máis de 5 millóns de m3 ao ano a auga que podería ser susceptible de reutilizarse no eido industrial para usos de rega ou baldeo.
En vista deste potencial, salientou que o seu departamento, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia e no marco dos traballos previos á redacción do novo Plan xeral galego de abastecemento, está elaborando unha folla de ruta de reutilización que analiza todas as estacións depuradoras (EDAR), os tratamentos dispoñibles e as posibles demandas na contorna co fin de identificar aqueles ámbitos nos que reutilizar a auga resulte técnica, sanitaria, ambiental e economicamente viable.
Neste contexto, salientou a modo de exemplo o caso da biofábrica de ENCE en Pontevedra, que desde 2024 conta cun sistema propio de recircularización de auga da súa EDAR que xa está a dar resultados. En concreto e desde a posta en marcha deste sistema, estímase que as instalacións lograron reducir xa en máis dun 60% o consumo de auga procedente do río Lérez respecto aos datos do ano 2017.
No mesmo eido e co obxectivo de dar un paso máis na reutilización dos recursos hídricos, a empresa está a ultimar tamén outro proxecto piloto de rexeneración de augas residuais procedentes da EDAR de Praceres para depuralas na biofábrica e utilizalas despois no seu propio proceso produtivo, o que permitiría reducir aínda máis o consumo e tamén o vertido de auga depurada ao mar.
Este proxecto innovador, cuxa autorización tramita a Consellería, está actualmente en fase de probas e prevese que coa súa posta en marcha ENCE podería mesmo deixar de consumir auga do Lérez.
En todo caso, nun contexto marcado pola situación conxuntural de escaseza de auga nunha parte importante da Comunidade, cómpre lembrar que a captación industrial que ten concedida ENCE no río está condicionada á dispoñibilidade que haxa de recursos. Por iso, se o Lérez dispón unicamente de auga para garantir o ecosistema fluvial (o chamado caudal ecolóxico) a empresa debe deter a extracción de auga cara á planta.
Liña de traballo para a eficiencia hídrica
Tras insistir nas posibilidades que ofrece a reutilización da auga para garantir unha mellor e máis eficiente xestión dos recursos hídricos dispoñibles, Ángeles Vázquez explicou que esta será unha das principais liñas de traballo do novo Plan estratéxico para o reforzo da eficiencia e da garantía do abastecemento de Galicia (Perega), actualmente en elaboración e que servirá de base para o futuro Plan de abastecemento.
O obxectivo, tal e como indicou a conselleira, é que reutilizar auga pase de ser “unha solución puntual a formar parte das solucións estruturais” para garantir os subministros básicos e prioritarios no conxunto da Comunidade.

