A conselleira salienta que Galicia é un refuxio climático e todo un exemplo a seguir como demostra que a temperatura na comunidade subise nas últimas décadas a ritmo menor que no conxunto de España
O Executivo galego resalta a relevancia de que haxa un traballo coordinado entre as distintas administracións, empresas e mesmo centros educativos co fin de que o conxunto da cidadanía forme parte do proxecto común para reducir as emisións
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe no acto de lanzamento do ciclo Inspiradores polo clima, unha acción incluída no programa Mocidade polo Clima, onde destacou a importancia de concienciar á xente nova sobre a transcendencia dos pequenos xestos e das prácticas responsables no coidado do medio ambiente e na loita contra o cambio climático.
A responsable autonómica animou ao alumnado do colexio Liceo La Paz a apostar por accións como desenchufar sempre os aparatos electrónicos, ducharse en vez de bañarse ou separar correctamente os residuos para facilitar a reciclaxe pois medidas coma estas contribúen a reducir as emisións de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera e a loitar contra o quecemento global.
Ángeles Vázquez lembrou que a temperatura media en Galicia subiu 0,2 graos centígrados por década nos últimos anos mentres que en España o incremento foi de 0,25 graos, o que acredita que a comunidade é un refuxio climático e un exemplo a seguir a nivel español e europeo. Por iso, a autonomía aspira a acadar a neutralidade climática en 2040, dez anos antes do obxectivo marcado pola Unión Europea.
Nesta liña, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático salientou a relevancia de que haxa un traballo coordinado entre as distintas administracións, empresas e mesmo centros educativos co fin de que o conxunto da cidadanía forme parte dun proxecto común para reducir as emisións e preservar o tesouro natural e climático que é Galicia.
A conselleira tamén puxo en valor proxectos como os expostos nesta xornada do ciclo Inspiradores polo clima -Colleita de Galicia e I-Rewater- pois trátase de iniciativas que apostan pola I+D+i para atopar solucións ecolóxicas na xestión ou produción de novos recursos. No caso de Colleita de Galicia, fai reflexionar sobre como o cambio climático afecta aos distintos cultivos e explica, neste caso concreto, como se realiza o cultivo de lúpulo en interior cunha menor pegada hídrica e o emprego de enerxías renovables.
Mentres, o proxecto I-Rewater céntrase na xestión sostible e a optimización no uso da auga rexenerada en cultivos de regadío, reforzando a súa adaptación ao cambio climático. Unhas iniciativas, destacou Ángeles Vázquez, que animan á mocidade a reflexionar sobre as consecuencias do cambio climático e as pequenas accións que pode facer cada persoa para combatelo.
Neste sentido, a responsable autonómica puxo en valor os servizos de estudo do clima cos que conta a comunidade, como MeteoGalicia, para facer un seguimento e predicir coa maior antelación posible os fenómenos extremos que poden producirse como consecuencia dos cambios derivados do quecemento global.