Arredor de 1.500 alumnos de 20 centros aprenden a resolver os conflictos desde a mediación pacífica co novo programa Acordamos Convivir

adminON
Lectura mínima de 5
  • A Xunta impulsa esta iniciativa piloto coa Fundación Sergio Villar dentro da aposta por manter un bo clima de convivencia na aulas e eliminar a lacra do acoso escolar
  • A Consellería de Educación proporciona aos centros participantes recursos específicos para o fomento do respecto e das condutas empáticas
  • Súmase a un amplo abano de iniciativas neste eido impulsadas o Goberno galego, como os Puntos Laranxa, o Termómetro ou a Rede de Concellos contra o Acoso

A iniciativa piloto, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, enmárcase na aposta da Xunta, como prioridade de goberno, por manter un bo clima de convivencia nas aulas e eliminar a lacra do acoso escolar. Realízase en colaboración coa Fundación Sergio Villar, creada para promover os valores de solidariedade, convivencia e apoio a colectivos vulnerables e que desenvolve parte da súa actividade en centros educativos da provincia da Coruña.

O programa desenvólvese en tres fases, ao longo das que o departamento educativo do Goberno galego proporciona aos centros participantes recursos específicos para a resolución pacífica dos conflitos e o fomento dunha educación baseada na convivencia, e o respecto, así como na promoción da non violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, con especial atención ao acoso e ao ciberacoso.

As tres fases do proxecto

A primeira delas consiste nunha reunión co centro para recoller información inicial sobre as súas necesidades e particularidades, o que facilita a comunicación e o deseño personalizado das actuacións a implementar. A partir de aí, os estudantes participan en obradoiros sobre mediación de 50 minutos de duracións impartidos por unha entidade externa especializada.

Os talleres van dirixidos a identificar os principais elementos que configuran a conduta colaborativa (empatía, cooperación, diálogo…) como promotores de relacións sociais satisfactorias, sensibilizar sobre a necesidade de educar na xestión positiva dos conflitos co fin de previlos e practicar técnicas de comunicación afectiva consciente que favorecen a cooperación, a responsabilidade e o coidado das outras persoas.

A terceira fase, opcional para os centros, céntrase na organización de charlas informativas para profesorado e familias co fin de dar a coñecer estas prácticas e os seus efectos positivos. Desenvólvese unha por cada centro participante, cunha duración de dúas horas e media en horario de tarde para facilitar a asistencia.

A relación de centros seleccionados é a incluída na seguinte táboa:

Concello Centro
Provincia da Coruña
Cerceda CPI Plurilingüe O Cruce
A Coruña IES Salvador de Madariaga
A Coruña IES Agra do Orzán
Ferrol IES Concepción Arenal
Vedra CPI Plurilingüe de Vedra
Fene CEIP Plurilingüe de Centieiras
Provincia de Lugo
Friol CPI Plurilingüe Dr. López Suárez
Vilalba IES Santiago Basanta Silva
Lugo CEIP de Casás
Burela IES Monte Castelo
Foz CEIP O Cantel
Viveiro CEIP Plurilingüe de Covas
Monforte de Lemos CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos
Ribadeo IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
Provincia de Ourense
O Carballiño IES Nº 1
Provincia de Pontevedra
Cangas IES María Soliño
Vilanova de Arousa CEIP Plurilingüe de San Bartolomé
Vigo CEIP Plurilingüe García Barbón
Mos CEIP Mestre Valverde Mayo
Gondomar CEP Xosé Neira Vilas

Amplo abano de iniciativas

Acordamos Convivir enmárcase na Estratexia galega de convivencia escolar 2025, a través da que a Xunta está a intensificar as actuacións para erradicar as condutas contrarias á convivencia nos centros e blindalos como espazos referentes neste eido. Súmase a un amplo abano de iniciativas neste eido impulsadas desde a Consellería de Educación, como a prohibición do uso dos móbiles nos centros, os Puntos Laranxa, o Termómetro Acoso Escolar, a actualización do Protocolo contra a violencia no ámbito educativo ou a Guía para a abordaxe dos problemas de conduta no ámbito educativo,

Ademais, a Consellería e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), asinaron recentemente a constitución da nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, que se porá en marcha este ano con fin de fortalecer a coordinación entre institucións para a sensibilización, prevención e actuación ante esta problemática.

Comparte este artigo