Augas de Galicia resolveu preto de 430 expedientes ao mes durante 2023 para autorizar obras, concesións ou a xestión de puntos de vertido

adminON
Lectura mínima de 4
  • Os trámites realizados son unha mostra da axilidade da entidade nas numerosas cuestións que xestiona no seu día a día
  • Os técnicos do organismo hidráulico realizaron arredor de 10.000 inspeccións na demarcación Galicia-Costa durante o ano pasado, un labor que permitiu corrixir ou facer que cumpran os límites establecidos un total de 10.383 puntos de vertido, o 91% dos inventariados nas áreas da súa competencia

Augas de Galicia resolveu preto de 430 expedientes ao mes de media durante o ano pasado, o que permitiu autorizar obras, concesións de augas, usos privativos, autorizacións de vertido ou sancións por vertidos, entre outros. Estes datos son unha mostra da axilidade e dos numerosos trámites que realiza o organismo hidráulico autonómico no seu día a día.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presidiu hoxe a sesión ordinaria do Consello Reitor de Augas de Galicia, onde se analizou a actividade desenvolvida polo ente durante 2023 co obxectivo de mellorar as infraestruturas de abastecemento, o saneamento e depuración e a xestión ambiental das augas nas áreas que están dentro das súas competencias.

De feito, Augas de Galicia é a entidade responsable do control dos vertidos que se producen aos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e dos que chegan desde terra ao mar en toda a costa da comunidade autónoma. Co fin de atallar estes episodios, o organismo hidráulico conta cun Programa de Control de Vertidos cunha planificación que busca localizar puntos de vertido e avaliar a súa importancia, controlar o cumprimento dos límites impostos, xestionar as alertas, asesorar e colaborar cos titulares das instalacións para a súa correcta xestión, identificar zonas potencialmente sensibles, fomentar a concienciación social e desenvolver estudos concretos na materia.

Neste sentido, Augas de Galicia ten establecido un protocolo de actuacións coa Axencia Galega de Emerxencias para a correcta atención e resposta ás alertas en materia de vertidos que recibe o servizo de atención de emerxencias 112. Nesta liña, o número total de alertas atendidas por Augas de Galicia ascende no ano 2023 a 635, a maioría delas comunicadas polo 112, pero tamén outras por particulares ou outras entidades.

Estes avisos derivaron en inspeccións ás correspondentes zonas, ás que se sumaron outras froito do labor rutineiro dos técnicos de Augas de Galicia. De feito, o total de inspeccións realizadas na demarcación hidrográfica Galicia-Costa roldou as 10.000 (9.646) durante o ano pasado, cunha media de máis de 800 ao mes.

Este labor, e o correspondente inventariado e seguimento dos puntos de vertido, permitiu corrixir ou facer que cumpran os límites establecidos un total de 10.383 puntos, o 91% dos inventariados por Augas de Galicia ao dominio público. De feito, os vertidos non contaminantes van en claro descenso nos últimos anos pasando de representar algo máis da metade en 2012 a ese 91% a peche de 2023.

Comparte este artigo