HomeXunta de GaliciaGalicia expón no País Vasco a Lei do Litoral como referente para...

Galicia expón no País Vasco a Lei do Litoral como referente para o resto de comunidades autónomas

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez compartirá experiencias, proxectos e iniciativas con representantes doutras comunidades autónomas, entre eles, a conselleira de Alimentación, Desenvolvemento Rural, Agricultura e Pesca do Goberno vasco
  • Porá en valor a  lei galega do litoral como unha regulación moderna, innovadora e comprometida co desenvolvemento sostible da costa

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, exporá no País Vasco a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) como referente para o resto de comunidades autónomas e un modelo a seguir de cara ao desenvolvemento sostible da costa.

No marco da celebración do curso de verán Europa: retos na xestión sostible do litoral, que terá lugar mañá en Donostia, Ángeles Vázquez intercambiará experiencias, proxectos e iniciativas cos relatores de diferentes ámbitos vinculados coa xestión da costa, entre eles, a conselleira de Alimentación, Desenvolvemento Rural, Agricultura e Pesca do Goberno vasco, Amaia Barredo, que será a encargada de clausurar a xornada. Cómpre lembrar que Galicia e País Vasco recibiron recentemente as transferencias de medios, servizos e funcións nesta materia.

A maiores, a conselleira compartirá a experiencia galega co director xeral de Costas e Xestión do Goberno de Canarias, Antonio Manuel Acosta, e con Laura López, que forma parte do equipo técnico redactor do Plan de protección e ordenación do litoral de Cataluña, así como con José Antonio Armolea, que é asesor en desenvolvemento normativo e planificación no Departamento de Alimentación, Desenvolvemento Rural, Agricultura e Pesca do Goberno vasco.

Con eles abordará a nova realidade que representa para as comunidades autónomas a Loxilga, poñéndoa en valor como unha regulación moderna, innovadora e comprometida co desenvolvemento sostible do litoral, unha vez que a Comunidade xa ten transferidos os medios, servizos e funcións na materia. Nese senso, cómpre indicar que no encontro tamén estará presente o catedrático Javier Sanz Larruga, membro do Observatorio do Litoral de Galicia, cuxa colaboración foi clave na elaboración da Loxilga.

A maiores, a conselleira incidirá no compromiso de Galicia cun desenvolvemento sostible da costa desde a tripla perspectiva ambiental, social e económica. De feito, no curso que se celebrará mañá tamén se abordará a xestión do litoral desde diversos puntos de vista, como o da pesca coa intervención da directora xerente do Cetmar, Rosa Chapela; o do desenvolvemento urbano ordenado e sostible coa participación do director de Bilbao Ría 2000, Fran Viñez; ou o da investigación ambiental, co relatorio de Irati Epelde, que é experta na observación e análise de procesos físicos litorais.

Esta xornada  enmárcase nun curso de verán organizado pola Universidade do País Vasco e dirixida, entre outros, polo director de Desenvolvemento Litoral, Portos e Asuntos Marítimos do Goberno vasco, Koldo Goitia.

Publicacións Relacionadas