- Neste período, a Xunta expediu máis de 12.000 novos títulos, dos que preto de 5.000 corresponderon á provincia da Coruña
- A condición de familia numerosa permite acceder a un amplo catálogo de beneficios impulsados polo Goberno galego, como deducións fiscais, vantaxes en educación e conciliación, axudas de vivenda ou descontos a través do Carné Familiar Galego
Galicia acadou en 2025 un novo máximo histórico no número de títulos de familia numerosa en vigor. Segundo a estatística de familias numerosas, elaborada pola Xunta, a comunidade pechou o pasado exercicio con 32.750 títulos activos a data de 31 de decembro, o que supón 1.531 máis que o ano anterior e un incremento do 4,9%. Do total de títulos en vigor, 28.638 corresponden á categoría xeral (87,4%) e 4.112 á categoría especial (12,6%).
Este crecemento reflicte a evolución positiva do número de familias numerosas recoñecidas en Galicia e consolida unha tendencia ascendente nos títulos en vigor, á vez que pon de manifesto o compromiso do Goberno galego co apoio a estas familias mediante numerosas medidas de carácter económico, fiscal, educativo, de vivenda, transporte ou de conciliación.
Concretamente, no 2025 a Xunta de Galicia expediu un total de 12.030 títulos de familia numerosa. Por provincias, A Coruña rexistrou o maior número de novos títulos durante o ano, con 4.926, seguida de Pontevedra, con 4.717. En Lugo tramitáronse 1.203 títulos e en Ourense, 1.184. En canto aos títulos en vigor, A Coruña concentra 13.886, seguida de Pontevedra, con 12.901; Lugo, con 3.084; e Ourense, con 2.879.
A condición de familia numerosa permite acceder a un amplo catálogo de beneficios impulsados pola Xunta, entre eles deducións fiscais, vantaxes en educación e conciliación, axudas en materia de vivenda e bonificacións no transporte, así como descontos a través do Carné Familiar Galego.

