— O representante de Cultura da Xunta celebra que a homenaxe ao ‘Patriarca das Letras Galegas’ conte coa “máxima implicación institucional, cultural e social”
— Salienta a “magnífica resposta e a receptividade” á súa proposta de colaboración para perfilar conxuntamente o deseño das actividades a desenvolver durante 2026
— Destaca que o propósito é “a posta en valor e a maior difusión” da relevancia da súa figura e legado para o pensamento e identidade da Galicia contemporánea
A Xunta de Galicia consensuará coas principais institucións culturais galegas “o deseño conxunto dunha programación excelsa do Ano Oteriano, á altura da relevancia da figura homenaxeada”. Así o aseverou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, antes do encontro mantido hoxe con representantes destas entidades na Cidade da Cultura, na que estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
O representante de Cultura da Xunta lembrou que convocou as principais entidades culturais de Galicia para perfilar con elas o deseño das actividades a desenvolver, porque “tiñamos claro que o Ano Oteriano é un dos fitos deste 2026 e que a lembranza á figura e ao legado do que todos os galegos e galegas consideramos como Patriarca das Letras Galegas debía contar coa máxima implicación, cultural e social”, argumentou.
Por estes motivos, López Campos celebrou “a magnífica resposta e a receptividade” acadada por esta proposta, tras acudir á reunión as institucións “máis senlleiras e representativas” da cultura galega, entre as que se atopan a propia Fundación Otero Pedrayo, representantes do Parlamento de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou as fundacións Vicente Risco, Rosalía e Castelao, entre unha trintena de participantes. A todas elas se lles facilitou un formulario para canalizar as propostas e configurar a programación conxunta.
Programación ampla e transversal
O conselleiro precisou que, desde o primeiro momento en que o Parlamento de Galicia declarou 2026 como Ano Oteriano por cumprirse o cincuenta aniversario do pasamento do intelectual e o centenario da publicación de Guía de Galicia, “manifestamos publicamente a vontade da Xunta de sumarnos a esta celebración e artellar unha programación o máis completa e transversal posible”.
Para este obxectivo, considerou necesario que a celebración conte “co maior número de propostas, actividades e iniciativas de todas as institucións culturais galegas”. A finalidade, segundo concretou, é acadar conxuntamente “a posta en valor e a maior difusión da relevancia da súa figura e valioso legado para o pensamento e identidade da Galicia contemporánea”.
Neste senso, o responsable de Cultura do Goberno galego erixiu a Otero Pedrayo “como un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia”, ao tempo que salientou que se trata do “representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra”.
Manter acesa a vixencia do seu legado
Nesta liña, López Campos lembrou as múltiples facianas dun dos fundadores do Grupo Nós e da Editorial Galaxia, da que foi o primeiro presidente, e membro das Irmandades da Fala, ademais de mestre, ensaísta, xeógrafo, novelista e político, como membro do Partido Galeguista. “En todo este amplo espectro despuntou pola súa brillantez, altos coñecementos e unha importante contribución á construción da Galicia moderna”, enxalzou.
Por estes motivos, incidiu na importancia da celebración do Ano Oteriano “non só como recoñecemento institucional, cultural e social, senón para artellar entre todos unha programación que estará á altura de dignificalo aínda máis e manter acesa a vixencia actual da súa importante herdanza”, concluíu.



