- Neste evento, organizado por El Confidencial, o coordinador do servizo de Urxencias do Hospital público de O Salnés e presidente da Sociedad Española de Urgencias y Emergencias -SEMES- sinalou que este galardón pertence a todos os profesionais que fan das Urxencias e Emerxencias un dos piares esenciais do sistema sanitario
O doutor Manuel Vázquez Lima, coordinador do Servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, foi galardoado co Premio Mellores Médicos 2026, certame organizado por El Confidencial. Este recoñecemento chega nun momento especialmente significativo para a especialidade en España, tras acadarse o seu recoñecemento oficial, o inicio dos primeiros residentes vía MIR e o reto de consolidar unha atención urxente segura e de calidade.
Para o doutor Tato Vázquez Lima, esta distinción trascende o ámbito individual e pon en valor o labor diario do conxunto de profesionais que sosteñen a atención sanitaria urxente: “Isto non é un premio individual, senon un recoñecemento a todo un equipo polo seu traballo constante e pola súa aposta polo futuro, tanto a nivel do servizo de Urxencias do Hospital do Salnés coma na busca constante dunha mellor calidade asistencial”, apunta.
Excelencia asistencial no Hospital do Salnés
O galardón Premio Mellores Médicos 2026 pon en valor unha sólida traxectoria profesional vencellada á xestión dos servizos de Urxencias e á atención sanitaria directa. Á fronte do Servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, o doutor Tato Vázquez Lima impulsou importantes medidas orientadas a mellorar a calidade asistencial no centro arousán, entre as que destacan a implantación de protocolos avanzados de triaxe, a optimización dos tempos de espera e a coordinación dos equipos profesionais en contornas de alta presión asistencial.
O premio entregado onte en Madrid tamén glosou unha figura profesional recoñecida no eido sanitario tanto a nivel autonómico coma nacional e internacional. De feito, no ano 2023, Manuel Vázquez Lima foi incluído na lista Forbes entre as persoas máis influentes da Sanidade española. Durante a súa carreira participou activamente na organización científica de congresos autonómicos, nacionais e internacionais, intervindo coma relator en numerosas sesións e ponencias centradas na Medicina de Urxencias.
No contexto da pandemia COVID, Tato Vázquez Lima foi membro do Comité Clínico de Emerxencias Sanitarias de Galicia e do equipo redactor do Plan de Continxencia para os Servizos de Urxencias e Emerxencias de SEMES. No eido europeo, contribuíu á elaboración do Currículo Europeo da Especialidade e formou parte do consello directivo da Sociedade Europea de Medicina de Urxencias e Emerxencias -EuSEM- que representa a máis de 25.000 profesionais en todo o continente.

