- O Plan Local de I+D+i, que incluirá información sobre modelos de gobernanza, instrumentos de innovación, casos de éxito, fontes de financiamento e modelos de plans, servirá de referencia para que cada concello poida adaptalo á súa realidade
- Concellos, universidades, centros tecnolóxicos, empresas, cidadanía e administración participan na identificación dos retos e a cocreación de solucións innovadoras adaptadas ao territorio
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través da Axencia Galega de Innovación, iniciou hoxe en Pontevedra unha rolda de mesas de traballo nas distintas provincias para elaborar dun xeito participativo o Plan Local de I+D+i. O impulso á innovación local é unha prioridade estratéxica para Galicia, recollida como unha iniciativa de alto impacto no Plan Galego de I+D+i 2025-2027, e, por iso, a Xunta de Galicia puxo en marcha un proceso para definir esta guía marco que servirá de referencia aos concellos para incentivar a innovación no ámbito local e contribuír así ao fortalecemento da nosa I+G+i.
Neste senso, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, apuntou que a innovación non é exclusiva das grandes empresas, das universidades, dos centros tecnolóxicos ou das grandes cidades, senón que debe chegar a todo o territorio e o Plan local de I+D+i pretende facilitar aos concellos as ferramentas para innovar. A xornada de hoxe persegue, precisamente, definir conxuntamente esta folla de ruta, un documento práctico que incluirá modelos de gobernanza, instrumentos de innovación, casos de éxito que poidan ser replicables, fontes de financiamento e modelos de plans que cada concello poida adaptar á súa realidade.
Cotelo destacou que en Galicia xa hai moita innovación local en eidos como a mobilidade, a enerxía, os datos, os servizos sociais, o turismo, a vivenda, a sustentabilidade, a administración dixital ou o desenvolvemento rural, porque, aclarou, innovar non significa necesariamente incorporar máis tecnoloxía senón buscar novas e mellores respostas aos problemas da cidadanía. A partir deste marco común, o Plan local de I+D+i avanzarase posteriormente na posta en marcha de plans locais piloto, adaptados ás necesidades concretas dos municipios. Partindo dun diagnóstico e identificación dos seus retos, establecerán prioridades e actuacións, vías de financiamento, colaboracións e mecanismos de seguimento.
Próximos pasos: un congreso nacional e un premio
Este proceso participativo de elaboración do Plan local de I+D+i comezou hai un ano cando se celebrou, en decembro de 2025, a xornada “Cara á transformación municipal: Plans locais de I+D+i”, na que participaron máis de 130 representantes de entidades locais, deputacións, grupos de acción rural e axentes do ecosistema innovador e permitiu escoitar directamente aos responsables locais e coñecer experiencias que xa se están desenvolvendo.
Ao longo destes meses foise avanzando noutras direccións, en estreita colaboración coa FEGAMP. Estas mesas provinciais, que se celebrarán daquí ao venres, son unha nova peza neste proceso, que permitirán incorporar a visión das persoas que coñecen de primeira man os problemas e as oportunidades do territorio.
Os vindeiros pasos son a celebración os vindeiros 3 e 4 de decembro en Santiago de Compostela do I Congreso Nacional de Innovación Local, que aspira a converterse nun punto de encontro entre administracións locais de toda España para compartir experiencias, coñecementos e boas prácticas. No marco deste congreso convocamos tamén o Premio á Innovación Local, para dar visibilidade ás boas iniciativas que xa existen nos concellos, con tres categorías segundo o tamaño dos concellos: ata 10.000 habitantes, entre 10.000 e 50.000 e máis de 50.000 habitantes, cuxo prazo para presentar candidaturas remata o 5 de outubro.

