A Xunta apoia a recuperación da memoria compartida entre Galicia e Portugal na exposición “Transfronteiriza” como atractivo turístico cultural

Redacción
  • Inaugurada no Museo do Pobo Galego, a mostra de Diana Gonçalves recupera a memoria das mulleres da fronteira
  • Xosé Merelles participou na inauguración, onde salientou a contribución deste tipo de iniciativas para dinamizar o turismo e captar públicos diversos
  • O turismo cultural atraeu a Galicia 825.000 visitantes en 2025, cun gasto medio diario de 111,7 euros por persoa, superior á media nacional

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu esta tarde no Museo do Pobo Galego á inauguración da exposición ‘Transfronteiriza’, da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027.

A mostra parte do documental “Mulleres da Raia”, da mesma autora e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal.

En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.

Neste contexto, o director de Turismo de Galicia destacou a contribución de iniciativas como esta para “poñer en valor a identidade transfronteiriza e os recursos turísticos e culturais asociados ao río Miño e ás comunidades históricas de ambas marxes”.

Así mesmo, subliñou o importante aporte de propostas culturais como esta para a “dinamización do turismo e a captación de públicos diversos”, ao incentivar ás persoas a “visitar as cidades dos lugares onde se exhiben” e favorecer o descubrimento do seu patrimonio e a súa oferta cultural.

En 2025, o turismo cultural atraeu a Galicia arredor de 825.000 turistas, que xeraron máis de 4,1 millóns de noites, o 10,7% do total. O gasto asociado a esta modalidade alcanzou os 460 millóns de euros, cun gasto medio diario de 111,7 euros por persoa, fronte aos 65,9 euros da media nacional. 

Comparte este artigo