- O estudo de viabilidade foi sometido a información pública durante un mes para formulación de observacións e recibíronse ao respecto 4 alegacións, unha do concello de Pontevedra e tres de particulares
- O novo aparcadoiro do centro hospitalario pontevedrés -cunha dotación de 892 prazas- desenvolverase no espazo reservado para elo no Proxecto Sectorial, na beirarrúa contraria da avenida Montecelo, na vertente cara a Pontevedra
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a aprobación definitiva do estudo de viabilidade do aparcadoiro do Novo Montecelo. Dito estudo xa fora sometido a información pública durante un mes, mediante anuncio no DOG do 27 de outubro de 2023, para formulación de observacións.
Recibíronse ao respecto 4 alegacións, unha do Concello de Pontevedra e tres de particulares. O concello de Pontevedra non expoñía ningunha obxección ao estudo de viabilidade, e os particulares referíanse a cuestións expropiatorias, que serán obxecto dun trámite posterior no procedemento. Polo que se resolveu o procedemento de información pública sen cambios con respecto ao documento sometido a consulta.
Aparcadoiro accesible
A Xunta de Galicia ten o obxectivo de que o aparcadoiro sexa accesible, cunhas tarifas equivalentes ás que se están a aplicar en aparcamentos coma o do Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo. Aínda que a principal fonte de ingresos da concesionaria durante os 25 anos de contrato proverá das prazas rotativas do aparcadoiro, dito ingreso non é suficiente para permitir a amortización do investimento e a explotación do servizo, polo que a Xunta de Galicia realizará un esforzo económico adicional cunha achega inicial durante a fase de construción de 3.589.922 €, un 37,96% do investimento, e unha subvención de explotación por un importe 440.000 euros anuais actualizables do mesmo modo que as tarifas para cubrir o déficit estimado.
Ademais, tamén se inclúe no modelo financeiro ingresos de menor importancia coma os procedentes da carga de vehículos eléctricos. Para a súa estimación, considérase que cada punto de carga vai ser utilizado de media 3 horas ao día 250 días ao ano cun consumo de 20 kw hora. Dada a incerteza asociada á xeneralización do uso dos vehículos eléctricos, considérase que a demanda real é un 30% da estimada nos primeiros cinco anos, un 50% os dez anos seguintes e o 80% os restantes.
Novo aparcadoiro con 892 prazas
Cómpre lembrar que o Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal que desenvolve o Plan Director reserva un espazo de 34,8 hectáreas no seu ámbito para un novo aparcamento. Dito proxecto establece unha necesidade de dotación de prazas de aparcamento de 1 praza por cada 100 m2 construídos. Polo que se prevén 1.281 prazas de aparcamento vinculadas ao hospital, coa seguinte distribución: manteranse 212 prazas de dominio público no aparcamento en superficie existente, así coma outras 49 ao longo da urbanización da contorna do hospital.
Coa Fase 1 da ampliación de Montecelo estase a executar un aparcamento en Urxencias de 128 prazas. Así mesmo, promoverase a construción dun novo aparcamento no espazo destinado a elo no Proxecto Sectorial, con 892 prazas, cunha concesión que permita conxugar a estabilidade orzamentaria coa sustentabilidade financeira.
O novo aparcadoiro do centro hospitalario público pontevedrés executarase nun espazo xa reservado no Proxecto Sectorial, na beirarrúa contraria da avenida Montecelo, na vertente cara a Pontevedra. Concíbese de modo que se integre axeitadamente co hospital e coa paisaxe, cun deseño coordinado a nivel de anteproxecto co edificio hospitalario, coa Avenida de Montecelo e coa futura cafetería, cuxo desenvolvemento se realizará en paralelo.
Proponse a realización de catro bandexas ou plataformas agrupadas de dúas en dúas, abertas e comunicadas entre si, que orixinan unhas circulacións en anel resolvendo os desniveis do terreo en ladeira mediante ramplas de conexión ortogonais ao desenvolvemento das plataformas.
Debido á lonxitude do edificio e para garantir unha axeitada accesibilidade, especialmente no que atinxe ás persoas con mobilidade reducida, realizaranse 5 núcleos de acceso peonil desde o exterior ás plantas de estacionamento. O sistema viario interior deséñase cun esquema de aneis por planta con ramplas repartidas de xeito equidistante.

