O servizo de Dermatoloxía do CHUP organiza a primeira Escola en Movemento para pacientes con hidradenite supurativa

Redacción
  • Esta iniciativa terá lugar o vindeiro 9 de setembro con prazas limitadas para garantir un diálogo personalizado cos doentes aquexados con esta patoloxía
  • A xornada ActivaHS combinará un paseo pola ría de Pontevedra con obradoiros ao aire libre para promover hábitos saudables e reforzar a interacción entre profesionais e doentes

O servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, a través da súa Unidade de Hidradenite Supurativa, pon en marcha a primeira edición de ActivaHS, unha escola de pacientes cun formato innovador, en movemento, que busca fomentar hábitos de vida saudables e romper o illamento social que moitas veces acompaña a esta patoloxía dermatolóxica.

A xefa do servizo de Dermatoloxía do CHUP pontevedrés, a doutora Laura Salgado, destaca que esta actividade pretende saír da contorna clínica habitual para favorecer un espazo de intercambio máis distendido. ActivaHS celebraráse o vindeiro mércores 9 de setembro ás 17 horas, tendo coma punto de encontro o centro de especialidades da Casa do Mar de Mollabao para iniciar un paseo conxunto pola ría de Pontevedra ata a Illa das Esculturas.

Patoloxía inflamatoria e crónica da pel

Coma explica Laura Salgado, “a hidradenite supurativa é unha enfermidade dermatolóxica crónica, inflamatoria e non contaxiosa que se manifesta coa aparición de nódulos, abrochos dolorosos e lesións en zonas con glándulas apócrinas, coma as axilas ou os glúteos. Trátase dunha condición de forte impacto na calidade de vida, cuxo abordaxe require non só tratamento médico, senón tamén estratexias para o manexo do dor, as curas diarias e o coidado emocional”.

Obradoiros e intercambio de experiencias

Durante o percorrido de ActivaHS do vindeiro mércores 9 de setembro, os asistentes organizaránse en pequenos grupos para abordar, xunto co equipo especialista da unidade, eidos coma a importancia do exercicio e a nutrición -Actívate-, as curas e o control de síntomas diarios –Coidate– e a comprensión integral da enfermidade –Coñece a túa hidradenite supurativa-. Á súa chegada á Illa das Esculturas, ActivaHS rematará cunha merenda saudable e un diálogo aberto entre profesionais e pacientes.

Inscrición gratuíta e prazas limitadas

Esta iniciativa do servizo de Dermatoloxía do CHUP pontevedrés é de carácter gratuíto, aínda que conta cun máximo de 15 prazas que se adxudicarán por rigoroso orde de solicitude cara a garantir unha dinámica participativa. As persoas interesadas en participar na primeira edición de ActivaHS deberán formalizar a súa inscrición enviando un correo electrónico á dirección de Mail escuelahspontevedra@gmail.com.

Comparte este artigo