O Servizo de Medicina Intensiva do CHUP imparte formación en Soporte Vital Inmediato ás enfermeiras de Críticos

adminON
Lectura mínima de 4
  • O curso está dirixido ao persoal de enfermaría que desenvolve a súa actividade profesional nas unidades de UCI e Reanimación dos hospitais pontevedreses
  • Conta coa acreditación do Plan Nacional de RCP da Sociedad Española de Medicina Intensiva, Crítica y Unidades Coronarias (SEMICYUC)
  • Ao longo de hoxe, médicos intensivistas do CHUP desenvolveron varios talleres presenciais no hospital Montecelo en manobras de RCP, osíxenoterapia e soporte instrumental da vía aérea e ventilación, ou monitorización e arritmias

O Servizo de Medicina Intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) organizou por primeira vez un Curso de Simulación en Soporte Vital Inmediato (SVI) para Enfermería en Críticos, o cal está dirixido ao persoal de enfermaría que desenvolve a súa actividade profesional nas unidades de UCI e Reanimación dos hospitais pontevedreses, e que conta coa acreditación do Plan Nacional de RCP da Sociedad Española de Medicina Intensiva, Crítica y Unidades Coronarias (SEMICYUC).

Esta actividade docente consta de tres edicións, a primeira das cales se está a impartir neste mes de xullo, mentres que as outras dúas se convocarán ao longo do no vindeiro outono. Cada unha das edicións está dirixida a 16 alumnas e está dividida nunha primeira fase formativa online de 23 horas, e nunha fase formativa presencial teórico-práctica de 8 horas a levar a cabo nunha mesma xornada.

Talleres presenciais en Montecelo

Ao longo do día de hoxe, martes 23 de xullo, facultativos intensivistas do CHUP, acreditados como instrutores en simulación e en soporte vital, estiveron a levar a cabo a  fase formativa presencial desta primeira edición do curso na área de docencia do hospital Montecelo.

Por unha banda, na parte teórica abordáronse temas coma o recoñecemento do paciente crítico e a prevención da parada cardíaca, a resucitación en centros sanitarios e áreas clínicas, ou a desfibrilación semiautomática e manual, entre outros. Por outra banda, a parte práctica dividiuse en diversos talleres coma os de manobras de RCP (reanimación cardiopulmonar), osíxenoterapia e soporte instrumental da vía aérea e ventilación, ou monitorización e arritmias.

Formación para todo o persoal de áreas especiais

O Servizo de Medicina Intensiva do CHUP ten por obxectivo que todo o persoal das áreas especiais, como é o caso dos Críticos, teña unha formación específica e regrada en resucitación, para previr e tratar as paradas cardíacas, segundo explica a doutora Ana Ortega, especialista dese servizo e unha das instrutoras.

Cómpre salientar que moitas paradas cardiorrespiratorias no eido hospitalario poden previrse. Neste sentido, o soporte vital inmediato ensina o recoñecemento do paciente en risco de deteriorarse e de parada cardiorrespiratoria, e como actuar nun primeiro momento ata a chegada do equipo de resucitación.

A formación en SVA tamén instrúe ao persoal de enfermería no inicia desa resucitación, o que inclúe a importancia das compresións torácicas de boa calidade, o manexo da vía aérea e ventilación temperá, e a desfibrilación precoz. A coordinación e o traballo en equipo é fundamental para un bo desenvolvemento da RCP.

Comparte este artigo