O Servizo de Reumatoloxía da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén a súa colaboración con Asearpo na prevención e seguimento das artrites

adminON
Lectura mínima de 4

― Hoxe, 1 de outubro, se conmemora o Día Mundial da Artrite, enfermidade na que o diagnóstico precoz é fundamental cando aínda as articulacións non teñen dano estrutural e os cambios inflamatorios son reversibles

― A xefa do Servizo de Reumatoloxía, a doutora Susana Romero, incide na importancia do seguimento periódico estrito que permite introducir os cambios necesarios no tratamento

Unha de cada catro persoas padece unha enfermidade reumática. Ante a elevada prevalencia destas doenzas, hoxe, Día Mundial da Artrite, o Servizo de Reumatoloxía da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, salienta que é fundamental o diagnóstico precoz cando aínda as articulacións non teñen dano estrutural e os cambios inflamatorios son reversibles.

Con motivo desta efeméride, dende a Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés se quere facer fincapé en que é esencial a colaboración coas asociacións de pacientes que dan ao doente un apoio de valor incalculable. Neste sentido, responsables da Asociación Enfermos de Artrite Pontevedra (Asearpo) mantiveron hoxe un encontro no Hospital Provincial coa xefa de Servizo de Reumatoloxía, a doutora Susana Romero Yuste.

Os primeiros sinais de alerta
Os primeiros síntomas de alerta de estar a padecer unha artrite son a dor de carácter inflamatoria durante, ou tras, un período de repouso, así como a rixidez mantida durante máis de media hora.

A xefa do Servizo de Reumatoloxía indica que, con todo, tan importante coma o diagnóstico precoz e acadar a remisión -reverter a inflamación-, é detectar pronto os posibles brotes para tratalos tamén precozmente. “Isto conséguese cun seguimento periódico estrito que permite introducir os cambios necesarios no tratamento”, explica a especialista.

Implicación do paciente no seu autocuidado
Lembrar que moitas enfermidades cursan con artrites: a artrite reumatoide, a artrite psoriásica, as enfermidades autoinmunes sistémicas ou as microcristalinas (a gota, por exemplo). En todas elas a abordaxe precoz, o seguimento estrito e o tratamento efectivo é fundamental, como o é a implicación do paciente no seu autocuidado, cumprindo o tratamento indicado e detectando aqueles síntomas de reactivación que lle leve a consultar a tempo, segundo a doutora Romero.

Os pacientes con artrites saen da consulta de Reumatoloxía do Complexo pontevedrés, tanto da/do facultativo como da súa enfermeira reumatolóxica, coa prescrición do seu tratamento e o contacto coas asociacións. Asearpo é particularmente activa na Área de Saúde e dispón, ademais, dun espazo asociativo situado no Hospital Provincial. Tamén, en colaboración co servizo de Reumatoloxía, realiza campañas de difusión e ofrece servizos de apoio psicolóxico e de actividades físicas beneficiosas.

Investigación de novas moléculas coma terapia
A doutora Romero incide en que é indispensable a investigación de novas moléculas que aumenten o arsenal terapéutico dispoñible pero tamén a investigación da seguridade en práctica clínica das xa comercializadas cumprindo as normas éticas de investigación que ampara a avaliación por un Comité de ética de Investigación; isto garante os dereitos dos pacientes que se inclúen nestes estudos.

Así mesmo, destacar que o Servizo de Reumatoloxía de Pontevedra e O Salnés está implicado en diversos estudos de investigación en artrite, lupus eritematosos sistémicos, e a enfermidade de Sjögren, e tamén leva a coordinación do rexistro nacional de Vasculitis-ANCA, todas elas, enfermidades que sen unha abordaxe adecuada poden limitar a calidade de vida dos pacientes e as súas expectativas.

“Hoxe podemos dicir que a Reumatoloxía avanzou o suficiente para que a maioría dos nosos pacientes, cunha abordaxe adecuada, poidan levar unha vida coma se non tivesen a enfermidade e cumprir o seu proxecto vital”, asegura a doutora Romero.

Comparte este artigo