- José Flores celebrou con esta profesional de Medicina Interna II do Hospital Provincial os seus recentes fitos náuticos en Alemania, ao converterse na primeira muller en acadar ambos galardóns nun barco con tripulación enteiramente feminina
- A Dirección da Área Sanitaria destaca o orgullo que supón contar con profesionais que compaxinan a excelencia na atención á saúde cos máis altos fitos no deporte internacional
O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, recibiu hoxe á enfermeira Paula González Esteban, profesional do equipo asistencial de Medicina Interna II no Hospital Provincial, quen vén de proclamarse campioa do mundo da clase Vaurien de vela lixeira en categoría feminina xunto á súa compañeira, Alejandra Vicéns. No transcurso deste encontro, o xerente felicitou a Paula González por acadar tamén o trofeo que a acredita coma a mellor patroa deste torneo nautico celebrado recentemente en Travemünder -Alemania-, un fito histórico ao ser a primeira vez que dito galardón recae nunha embarcación con tripulación totalmente feminina.
Durante a recepción hoxe no Hospital Provincial pontevedrés, José Flores -xunto coa directora asistencial da Área Sanitaria, Yolanda Sanduende e a directora de Enfermaría, Concepción Abellás- trasládáronlle o orgullo que supón para a área de saúde contar con profesionais que exemplifican o compromiso, o esforzo e a excelencia, tanto no exercicio diario dos coidados de enfermaría coma na alta competición deportiva.
Mención especial ao apoio dos profesionais
Pola súa banda, a enfermeira e regatista fixo partícipes deste triunfo á totalidade de traballadores da Área Sanitaria, agradecéndolles a súa adicación á poboación e salientando a estreita colaboración dos profesionais do Sistema Sanitario Público con ela. “Quero facer unha mención especial ao apoio dos meus compañeiros e compañeiras de profesión, pois me permiten realizar os cambios de traballo necesarios para poder asistir ás competicións náuticas, un encomiable esforzo que en moitas ocasións non é doado”.
Entre os vindeiros obxectivos deportivos de Paula González Esteban atópase a disputa da Copa do Rei en Palma de Mallorca neste mes de agosto, así coma a posterior preparación para a Copa de España de Vaurien, proba clasificatoria para o Campionato do Mundo do vindeiro ano 2027, que se celebrará nas augas de Vigo.
Con este recoñecemento, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés pon en valor o talento, a capacidade de superación e o traballo en equipo dos seus profesionais, cuxos valores humanos e deportivos repercuten e enriquecen tanto á comunidade sanitaria coma á propia poboación de referencia.

