- O director de Turismo de Galicia puxo en valor o peso do mercado portugués para o turismo na comunidade e a aposta de promoción que se fai neste país
- De xaneiro a agosto, visitaron esta comunidade máis de 204.000 persoas ás que se lle suman o máis de 1M de excursionistas e tamén os 21.000 peregrinos que fixeron o Camiño ata actualidade
- Do 15 ao 25 de outubro, o Mercado do Bolhao acollerá as propostas de petiscos elaborados por sete cociñeiros galegos que participaron na última edición do certame ‘Sete cidades, sete sabores’
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou este mércores a Semana Gastronómica ‘De tapas por Galicia’ no Mercado do Bolhao, na cidade lusa de Oporto. A iniciativa ten por obxectivo promover o turismo enogastronómico entre o mercado portugués así como o turismo urbano sobre todo fóra de tempada.
O director de Turismo de Galicia lembrou na súa intervención o peso do mercado portugués no conxunto de visitantes á comunidade. De xaneiro a agosto, 204.041 persoas procedentes do país veciño visitaron Galicia, das que máis do 80% acudiron para pasar as súas vacacións ou por cuestións de ocio. A esta cifra hai que engadir as visitas que non chegan a pasar unha noite, e que superaron xa o millón de persoas. No referente ao Camiño de Santiago, máis de 21.000 peregrinos recolleron a Compostela despois de percorrer fundamentalmente o Camiño Portugués e o Portugués da Costa.
Xosé Merelles destacou que o evento “non só incide na promoción do turismo enogastronómico senón que tamén busca amosar os principais recursos turísticos da nosa comunidade”. “Buscamos sobre todo, poñer en valor a gastronomía galega a través de propostas de pequeno formato, cada vez máis relevantes e sofisticadas nas súas elaboracións”, ademais de “destacar a calidade e a innovación do sector hostaleiro e de restauración galego”.
Merelles gabou a nova xeración de chefs da comunidade, que está a ser recoñecida entre o sector. Galicia conta xa con 17 establecementos con Estrellas Michelin e 43 Soles da Guía Repsol. Ademais, afondou no valor desta proposta e do turismo urbano e da súa contribución á desestacionalización dos fluxos turísticos, “buscando unha maior distribución dos visitantes e a riqueza que xeran no territorio durante todo o ano”.
‘De tapas por Galicia’
Do 15 ao 25 de outubro, sete recoñecidos cociñeiros galegos ofrecerán as súas tapas no céntrico emprazamento, un dos edificios senlleiros da cidade do norte de Portugal. Estes chefs son os que participaron na última edición do certame ‘Sete cidades, sete sabores’, organizado por Turismo de Galicia e que elixiu ao mellor cociñeiro de tapas da comunidade.
O primeiro en participar foi Álex Ferreiro, gañador do certame e chef do restaurante O Sendeiro, en Santiago de Compostela. Os petiscos estarán maridados cos viños das cinco denominacións de orixe galegas, á fin de dar a coñecer os caldos galegos e favorecer unha aproximación ao enoturismo.
Cada cociñeiro representa a unha das sete principais cidades galegas -Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra-, co que se quere ademais potenciar o turismo urbano da comunidade. Isto reforzarase cun stand informativo, que permanecerá aberto durante os días nos que se realice a acción e no que se poderá recoller material específico – un folleto e unha guía-. Proxectaranse ademais distintas campañas audiovisuais de Turismo de Galicia e realizaranse sorteos en redes sociais. Ademais, exporase unha mostra fotográfica, ‘Galicia’.