- Os centros asistenciais de Pontevedra e O Salnés realizaron hoxe diversas actividades divulgativas con motivo do Día Mundial da Hixiene de Mans, unha iniciativa da OMSque se conmemora o domingo 5 de maio
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés programou hoxe unha serie de actividades dirixidas a informar e concienciar a profesionais sanitarios, pacientes e usuarios en xeral dos centros asistenciais de ambos distritos sobre a importancia da hixiene de mans, con motivo da celebración do Día Mundial da Hixiene de Mans, unha iniciativa que lidera cada 5 de maio a Organización Mundial da Saúde (OMS).
Para esta campaña de 2024, o Ministerio de Sanidade elixiu o lema “A hixiene de mans prevén as infeccións”, ó que se sumaron a Consellería de Sanidade e o Sergas, co que se pretende reflectir que a hixiene de mans ten cabida en todos os niveis e ámbitos asistenciais. Dende a OMS faise fincapé en que esta medida segue sendo a máis efectiva para a prevención de infeccións e chama á implicación directa dos profesionais sanitarios e pacientes, e ó compromiso decidido dos líderes, xestores sanitarios e o respaldo dos responsables das políticas sanitarias, para conseguir que a hixiene das mans se sitúe como medida preventiva prioritaria nos centros sanitarios.
Mesas informativas, produtos de hixiene e probas in situ
En canto ao programa de actividades da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés, houbo participación tanto dos tres hospitais -Montecelo, Provincial e O Salnés- como dos centros de Atención Primaria. En todos eles instaláronse na xornada de hoxe mesas informativas con diverso material divulgativo e mostras de diferentes produtos para a hixiene de mans, e nalgúns deles, foi posible a realización de probas in situ da correcta hixiene de mans mediante o emprego de luz ultravioleta da cámara escura.
Por exemplo, a Pediatría do centro de saúde de Baltar-Portonovo, no concello de Sanxenxo, ofreceu realizar unha simulación de hixiene de mans coas nais, pais e a cativada que acudiron hoxe á consulta. E o martes pasado, persoal sanitario da Atención Primaria de Cambados levou a cámara escura de luz ultravioleta ata a praza de abastos dese municipio da comarca do Salnés.
Actividades en colexios de ambos distritos
Así mesmo, organizáronse actividades de concienciación en colexios de ambos distritos sanitarios por parte dos centros de saúde de A Parda, Lérez e Pontecaldelas, pertencentes ao distrito de Pontevedra; e de San Roque en Vilagarcía de Arousa, Ribadumia e Cambados, no Salnés.
Así mesmo, salientar que outro dos obxectivos desta campaña de 2024 é que os profesionais se animen a ser máis constantes e a perseverar nesta práctica segura que ten como aspectos principais: utilizar produtos de base alcohólica, formarse na correcta hixiene de mans e na prevención de infeccións, colaborar no seguimento e avaliación das medidas que facilitan a hixiene de mans, compartir a importancia desta práctica e o uso correcto dos guantes, e promover a cultura da seguridade no seu centro de traballo.
Cómpre sinalar que as infeccións relacionadas coa atención sanitaria -denominadas IRAS- supoñen unha seria carga de enfermidade e teñen un efecto considerable nos pacientes e nos sistemas sanitarios de todo o mundo. A sinxela tarefa de hixienizarse as mans nos momentos axeitados e do xeito correcto pode salvar vidas, de aí a importancia de concienciar aos profesionais e á poboación en xeral.

