HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación mobiliza esta semana 27 colectivos sociais de 16 concellos da...

A Deputación mobiliza esta semana 27 colectivos sociais de 16 concellos da provincia nos obradoiros de +Xuntas

- Anuncio -spot_img

+Xuntas é un programa provincial destinado a promover a igualdade a través de actividades formativas que chegarán durante o ano 2025 a entidades de 56 concellos

A Deputación de Pontevedra comeza esta semana novas actividades formativas do programa +Xuntas que mobilizarán un total de 27 colectivos de 16 concellos da provincia: Bueu, Campo Lameiro, Cangas do Morrazo, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Lalín, Marín, Mos, Poio, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Silleda, Vila de Cruces e Vilaboa. Un total de 406 mulleres de entidades sociais destas localidades iniciarán novas actividades formativas incluídas nunha iniciativa da Deputación que busca promover a igualdade, un dos grandes compromisos e obxectivos transversais do goberno da institución provincial.

Este luns, 8 de setembro, comezan cinco novas actividades, entre elas dúas de teatro nas que participarán as asociacións Xuntos de Síndrome de Down (Pontevedra) e a Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro de Bueu. Tamén darán inicio obradoiros de conservación de alimentos, conservas e encurtidos coa Asociación de Mulleres en Igualdade de Busto (Lalín), pilates coa Asociación de Mulleres Rurais de Tuiriz (Vila de Cruces) e un de risoterapia onde participarán as Mulleres Rurais Castro Valente (A Estrada).

O martes 9 comezarán outras oito accións, como os dous obradoiros de pilates nos que participarán a Asociación de Mulleres en Igualdade de Donramiro (Lalín) e a Asociación de Veciños de Soutoxusto (Redondela). Tamén se porán en marcha un obradoiro de risoterapia para a Asociación Veciñal e Deportiva Cultural Miñoteira (Redondela), un de conservación de alimentos para a Asociación de Veciños Minas da Brea (Vila de Cruces), un de autocoidado para a Asociación de Mulleres en Igualdade de Madriñán (Lalín), un de arte floral para as Mulleres Rurais A Xuntanza (Fornelos de Montes), un de iniciación ao recorte de álbums para a Asociación para o Desenvolvemento Social da Comarca de Deza (Silleda) e un de mindfulness para a Asociación de Mulleres Arela (Poio).

O mércores 10 darase inicio a cinco novas actividades, nas que participarán mulleres da Asociación de Veciños de Gandón (Cangas do Morrazo) para iniciarse ao patchwork, a Asociación de Veciños San Cristovo de Camposancos (Lalín) cun obradoiro de artesanía en coiro, a Asociación Cultural e Veciñal Fonte de Lalín de Arriba cun de pintura, as Mulleres Rurais Santa Isabel (Sillda) cun de conservación de alimentos e as Mulleres Rurais de Pena de Francia (Dozón) cun de pilates. O xoves 11 comezarán catro obradoiros, dous de risoterapia coas Mulleres Rurais de San Xurxo de Vea (A Estrada) e a Asociación Veciñal A Fonte de Cantodarea-Estribela (Marín), un de alfabetización dixital para a Asociación Recreativa e Cultural de Guizán (Mos) e un de conservación de alimentos coa Asociación de Mulleres Intercambio do Saber (Marín).

O venres 12 comezarán tres obradoiros, un de conservación de alimentos onde participará a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda (Salceda de Caselas), un de plantas medicinas para a Asociación Cultural Son de Xeve (Pontevedra) e outro de autoestima e comunicación asertiva para a Asociación de Mulleres de Vilaboa. Finalmente, o sábado 13 será a quenda doutros dous inicios de cursos de +Xuntas, concretamente un de iniciación ao patchwork coa participación da Asociación de Veciños Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias (Salceda de Caselas) e outro de musicoterapia para a Asociación Veciñal de Praderrei (Campo Lameiro).

No marco de +Xuntas este ano terán lugar 207 accións formativas dirixidas a entidades de 56 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres e apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, que puideron escoller entre 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.

Publicacións Relacionadas