Preto de 550 proxectos xa foron asesorados en Ourense a través da Rede de Polos de Emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia

adminON
Lectura mínima de 6
  • Esta iniciativa autonómica busca dinamizar a economía, impulsando a vertebración do territorio, a fixación de poboación no rural e a xeración de emprego de calidade
  • Ourense conta con catro Polos de emprendemento no Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín
  • No total de Galicia, hai activas actualmente 14 oficinas espalladas por todo o territorio, nas que se asesora de xeito personalizado a calquera persoa que queira poñer en marcha un negocio
  • O compromiso da Xunta coas medidas de apoio ao emprendemento reflíctese no recente recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025

Xa son preto de 550 proxectos, en diferentes etapas de desenvolvemento, os que se levan atendido a través dos catro Polos que están abertos actualmente na provincia de Ourense: O Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín. Ademais, a través desta Rede -unha iniciativa na que se presta asesoramento individualizado e gratuíto a calquera persoa que queira emprender un negocio ou consolidar o que xa ten- os técnicos e asesores de Ourense xa realizaron 1.160 titorías, tanto en liña como presenciais, coas persoas emprendedoras, das cales un 59% son mulleres.

Canto aos sectores predominantes en Ourense, destacan os servizos (20%) seguido da hostalaría (16%) e do comercio (13%). Entre os proxectos atendidos, tamén figuran os específicos de remuda, xa que a Rede de polos ofrece tamén un acompañamento para asesorar, axilizar e facilitar os procesos de transmisión de negocios en funcionamento establecidos no territorio galego para garantir a súa continuidade e evitar o peche por falta de persoas emprendedoras que os manteñan. O programa permite, deste xeito, poñer en contacto a aqueles que venden ou alugan a súa empresa, con persoas interesadas en facerse cargo dela, apostando así por un proxecto empresarial consolidado e viable e reducindo os riscos da posta en marcha dun novo negocio. Ademais, a Xunta ofrece axudas a través do Bono remuda, unha convocatoria aberta ata o 30 de outubro e dotada con 1,5 millóns de euros.

Ademais, o dinamismo dos polos de Ourense -no seu papel fundamental como vertebradores do territorio- reflíctese nas máis de 200 actividades que levan organizado, entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos.

Unha rede de impulso ao emprendemento

A Rede de polos forma parte tamén da aposta estratéxica do Goberno galego por apoiar iniciativas que contribúan á innovación e á vertebración do territorio, fixando poboación no rural e poñendo a disposición das persoas emprendedoras todas as ferramentas necesarias para impulsar as oportunidades de negocio e aproveitar os recursos dispoñibles.

Posta en marcha en xullo de 2022, actualmente, a Rede conta con 14 oficinas activas, espalladas por todo o territorio galego: tres na provincia da Coruña (Ferrol, Coristanco e Melide), cinco na provincia de Lugo (Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos); catro na provincia de Ourense (O Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín); e dúas na provincia de Pontevedra (Silleda e O Porriño).

Desde o inicio, no total de Galicia xa se atenderon máis de 2.300 experiencias de emprendemento, entre as que predomina o sector servizos, seguido da hostalaría e das actividades de comercio. Ademais, no conxunto das catro provincias, lévanse realizado 6.250 titorías e máis de 800 actividades.

Cómpre destacar tamén que a Rede de polos, no marco da Estratexia Retorna 2023-2026 -que, entre outros obxectivos, busca favorecer a integración sociolaboral dos descendentes que noutrora emigraron de Galicia- ofrece apoio tanto a persoas xa retornadas como a aquelas que, estando en orixe, contemplen o autoemprego como vía para o retorno, sumando así talento e capacidades ao tecido produtivo da Comunidade.

Galicia, Rexión Emprendedora 2025

Europa vén de recoñecer Galicia recentemente co premio á Rexión Emprendedora 2025, un galardón co que pon en valor as medidas innovadoras que ten en marcha o Goberno galego para potenciar a economía local e fomentar a creación de emprego de calidade, incrementando a iniciativa emprendedora na Comunidade e dinamizando o territorio ante o reto demográfico.

Entre elas, ademais da Rede de polos, destacan outras accións novidosas, como o Mapa do Emprendemento virtual -con 190 entidades xa adheridas, que integrará todos os axentes, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia- ou o proxecto piloto de coliving, en colaboración coa asociación Sende, no concello ourensán de Lobeira, para atraer nómades dixitais ao rural.

Comparte este artigo