— O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP destaca o labor do Centro de Educación de Pontevedra e do Colexio Daría González García na formación do alumnado e na construción dunha sociedade máis inclusiva
— Durante a celebración, visitáronse as instalacións e unha exposición fotográfica que recolle a evolución dos centros ao longo destas cinco décadas
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na celebración do 50 aniversario do complexo educativo da Cidade Infantil Príncipe Felipe, en concreto do Centro de Educación Especial Pontevedra e do Colexio Daría González García. O titular de Educación felicitou ás comunidades educativas de ambos centros pola súa traxectoria e polo traballo desenvolvido durante estas cinco décadas ao servizo do alumnado e das súas familias.
No acto, o conselleiro de Educación puxo en valor especialmente o labor do Centro de Educación Especial de Pontevedra, ao que agradeceu “converter este centro nun referente e demostrar que a inclusión, o respecto e a atención á diversidade non son só palabras, senón unha realidade construída día a día”. Así mesmo, salientou a importancia do Colexio Daría González García como espazo de aprendizaxe, convivencia e desenvolvemento persoal para os máis pequenos.
O titular de Educación percorreu as instalacións, conversou co profesorado, o alumnado e as familias e coñeceu a exposición fotográfica conmemorativa, que permite comprobar a evolución dos centros e os cambios experimentados ao longo destes 50 anos. Tamén agradeceu a actuación musical protagonizada polo alumnado durante a celebración.
Na actualidade, o Colexio Daría González García conta con 71 alumnos, mentres que o Centro de Educación Especial de Pontevedra atende 44 alumnos. En conxunto, ambos centros suman 115 estudantes. “Oxalá os dous centros continúen traballando coa mesma ilusión e a mesma vontade de ofrecer oportunidades a cada persoa que atravesa estas portas”.

