- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa na VIII xornada Triple Hélice do Foro Empresa Pontevedra
- O encontro reúne a representantes das administracións públicas, do tecido socio-económico e do ámbito académico para debater sobre innovación e retos estratéxicos de Galicia
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reivindica a Formación Profesional como motor de competitividade socio-económica e avoga por intensificar a colaboración entre o eido formativo e o empresarial para seguir impulsando as potencialidades de Galicia, especialmente en eidos estratéxicos que caracterizan ao noso tecido produtivo e outros novos de potencial crecemento.
Así o salientou hoxe o titular de Educación do Goberno galego durante a súa intervención na VIII xornada Triple Hélice do Foro Empresa Pontevedra, que reúne a representantes das administracións públicas, do tecido empresarial e do ámbito académico para debater sobre os retos da Galicia do presente e do futuro.
Román Rodríguez fixo fincapé na importancia dun capital humano ben formado e cualificado como condición necesaria para o crecemento económico sostido, o que require da construción dun “ecosistema formativo sólido, especializado e actualizado coas demandas socio-produtivas” como o que está impulsando Galicia nos últimos anos, sobre todo desde a Formación Profesional, e tamén desde a Universidade.
Nesta liña subliñou que a FP galega vén de experimentar unha “unha auténtica revolución silenciosa”, grazas a unha oferta ampla e especializada e con centros educativos á vangarda da innovación que fai que sexan unhas ensinanzas de prestixio, moi valoradas tanto polo alumnado como polas propias empresas que, cada vez, demandan máis técnicos deste tipo. Non en balde, na actualidade case o 86% dos titulados de FP están traballando, unha porcentaxe que se eleva a practicamente o 100% no caso da FP Dual.
Traballo conxunto entre ecosistema formativo e empresarial
En canto aos retos de futuro, o conselleiro chamou a artellar una nova estratexia común entre administración e empresas que permita responder a novos desafíos entre os que citou os desaxustes que, ás veces, se dan entre a demanda de profesionais por parte das empresas e as preferencias formativas dos estudantes. Trátase de intensificar a relación entre o mundo educativo e o empresarial, que en Galicia xa arrancou co Plan Conecta FP, para que o importante esforzo inversor en formación se canalice en oportunidades de inserción para a mocidade acordes coa súa preparación académica e en xeración de riqueza para o territorio.
Este traballo conxunto debe estenderse tamén ao eido universitario, onde a Xunta e as tres universidades públicas teñen por diante tamén novos desafíos e traballo conxunto como a negociación do próximo Plan de financiamento ou a análise do mapa de titulacións, ”para adiantarnos” aos retos do futuro inmediato, salientou.

