― Asegura que se busca abrir este edificio histórico ao conxunto da cidadanía para que todo o mundo poida “coñecer e desfrutar” dun espazo “tan valioso e simbólico”
― O obxectivo é adaptar este edificio histórico para que forme parte do Museo Provincial, situado na cidade
― Salienta a importancia de “poñer en valor” o “inmenso” patrimonio cultural que ten Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai colaborar na rehabilitación e restauración do convento de Santa Clara de Pontevedra para que todo o mundo “poida coñecer e desfrutar” deste inmoble “tan valioso e simbólico” que se atopa no centro histórico da cidade.
Rueda salientou que este convento “é historia de Pontevedra” xa que ao seu arredor “foise construíndo parte da cidade e, a súa maneira, influíu no que hoxe é Pontevedra”. Por iso, salientou a importancia de colaborar coa Deputación de Pontevedra para reformar este edificio do patrimonio histórico da cidade e darlle un novo uso. O obxectivo é incorporalo aos espazos que forman parte do Museo Provincial de Pontevedra que acolle unha ampla colección, formada por obras de arte, pezas arqueolóxicas, documentos, libros e fotografías.
Durante a súa intervención, Rueda salientou a importancia de “poñer en valor” o “inmenso” patrimonio histórico e cultural que ten a comunidade galega e que supón un atractivo turístico para atraer novos visitantes.

