— A Xunta presentou en Monterrei, xunto con Asturias, Cantabria e Euskadi, a oferta turística do norte de España nun encontro dirixido a profesionais do sector, medios de comunicación e prescritores
— A acción enmárcase na estratexia de promoción internacional da España Verde para atraer visitantes interesados en experiencias vinculadas ao territorio
A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participou este mércores nunha acción de promoción internacional da España Verde, a marca turística que comparte con Asturias, Cantabria e Euskadi, co obxectivo de reforzar a presenza do norte de España no mercado mexicano e presentar unha oferta conxunta baseada na natureza, a gastronomía, a cultura e a autenticidade.
O encontro, denominado Norte Diem, reuniu profesionais do sector turístico, medios de comunicación e prescritores, e realizouse en colaboración con Turespaña. A iniciativa contou coa representación institucional das catro comunidades e permitiu dar a coñecer os principais atractivos destes territorios.
Esta proposta presentou a España Verde como unha alternativa para viaxeiros que buscan descubrir novos destinos, gozar de experiencias vinculadas á cultura e ás tradicións locais e apostar por unha forma de viaxar máis pausada e sostible. Neste contexto, Galicia achega unha oferta na que destaca a súa riqueza paisaxística e natural, o patrimonio histórico e cultural, a gastronomía e o Camiño de Santiago como grandes elementos de proxección internacional.
A gastronomía tivo un protagonismo especial no encontro da man do chef asturiano Nacho Manzano, á fronte de Casa Marcial e distinguido con tres estrelas Michelin, que elaborou un menú inspirado nos produtos e nas tradicións culinarias dos catro territorios. Esta proposta permitiu amosar a diversidade gastronómica do norte de España e súa capacidade para ofrecer experiencias diferenciadas vinculadas á identidade e aos produtos locais.
A participación nesta acción enmárcase na estratexia de cooperación entre as catro comunidades para reforzar a presenza da España Verde en mercados internacionais como México, polo seu potencial para atraer viaxeiros que buscan experiencias diferenciadas.
Neste sentido, a promoción conxunta permite ampliar a visibilidade internacional de Galicia e presentar os seus recursos turísticos no contexto dunha oferta máis ampla e complementaria.
Sobre a España Verde
A España Verde é a marca turística que agrupa Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi para promocionar conxuntamente o norte de España como destino internacional, cunha oferta baseada na natureza, a gastronomía, a cultura, o patrimonio e a sustentabilidade.
A marca España Verde reúne máis de 2.000 quilómetros de costa e conta con iniciativas conxuntas como a Gran Ruta de España Verde, que conecta as catro comunidades, e a Reserva Ecoturista, integrada por 25 espazos naturais. A esta oferta súmanse os Camiños do Norte cara a Santiago, que adquirirán un especial protagonismo coa celebración do Ano Santo Xacobeo 2027.

