- A iniciativa inclúe a substitución de tres lápidas funerarias escritas en lingua castelá por unhas escritas en galego, ademais da colocación dunha placa conmemorativa na entrada ao cemiterio
- Neste senso, o representante da Xunta destaca que hai que seguir “fomentando o emprego da lingua desde diversas perspectivas e en distintos espazos”
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, fixo un chamamento para impulsar e prestixiar o uso da lingua en todos os contextos da sociedade e nomeadamente no ámbito familiar e litúrxico. Fíxoo no cemiterio de San Vicente de Cerponzóns, en Pontevedra, onde participou nunha xornada de restauración da memoria lingüística que incluíu a substitución de tres lápidas funerarias escritas en lingua castelá por unhas escritas en galego, así como a instalación dunha placa conmemorativa na entrada ao cemiterio.
Así, durante a celebración do acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que “na sociedade de hoxe en día, existen constantes transformacións sociais que afectan á lingua e a moitos outros ámbitos da vida, como no que ten que ver coas crenzas ou as tradicións”. Así mesmo, destacou o compromiso do Goberno galego por manter e fomentar o uso do galego en diferentes perspectivas “desde o eido dixital, as familias ou as persoas migrantes, ata espazos e contextos sociais que non conten con tanta visibilidade ou estean menos presentes no pensamento común e no día a día, como son neste caso, os ritos fúnebres”.
Ademais da colocación das novas lápidas, no acto entregóuselle aos participantes da iniciativa unha acta de vontades para que, o día de mañá e se eles así o queren, os seus familiares e achegados saiban do interese do defunto para a celebración dos actos litúrxicos e de sepelio en galego, e un recoñecido empresario do sector -Perdiz- anunciou tamén un desconto do 40% nas lápidas que se lle encarguen no noso idioma, un fito que sucede por vez primeira. Neste senso, Valentín García aproveitou a ocasión para animar á poboación a empregar o idioma galego en todos os ámbitos da súa vida cotiá, mesmo naqueles nos que aínda hai reticencias no seu uso ou é un tema máis tabú.
O acto celebrado hoxe contou tamén coa colocación dunha placa conmemorativa na porta de entrada ao cemiterio para lembrar a todas as persoas que defenderon e mantiveron vivas a lingua e a cultura de Galicia. Ademais de Valentín García, participaron tamén o contou tamén o campaneiro da parroquia para anunciar o comezo da celebración e o grupo Os de Algúres, de música tradicional, que transmiten a tradición popular galega a diversas xeracións.



