Organizado pola Asociación Dante Alighieri Vigo coa colaboración de Turismo de Galicia, iniciouse co relatorio do investigador e experto no Camiño, Paolo Caucci
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou esta mañá o ciclo de conferencias organizado pola Asociación Dante Alighieri Vigo no que colabora a Xunta de Galicia que leva por título ‘Entre o Atlántico e o Mediterráneo. Peregrinos italianos na historia de Europa. O presidente honorífico do Centro Italiano de Estudos Composteláns da Universidade de Perugia, Paolo Caucci, foi o encargado de abrir este encontro de expertos que tivo lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela USC) cun relatorio que versou sobre a peregrinación italiana a Santiago.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou a recente visita do presidente da Xunta de Galicia a Roma na que precisamente o Goberno galego e o da Rexión de Lazio asinaron un memorando de entendemento para a promoción do Camiño de Santiago e a Vía Francíxena. “Ao longo de séculos, esta dúas rutas foron elixidas por milleiros de persoas que atenderon á chamada espiritual e existencial da peregrinación”, subliñou.
O director de Turismo de Galicia destacou ademais que o pasado ano, case medio millón de peregrinos realizaron o Camiño de Santiago e precisamente, 28.600 de orixe italiana recibiron a Compostela, “unha cifra que con seguridade é maior se se teñen en conta os camiñantes que non solicitaron a credencial”.
Referíndose a Paolo Caucci, Xosé Merelles salientou que co seu estudio do Camiño de Santiago, “eleva esta ruta milenaria a obra de arte”. “O seu traballo ten aportado moito á civilización e literatura xacobeas”, engadiu.
O ciclo de relatorios ‘Entre o Atlántico e o Mediterráneo. Peregrinos italianos na historia de Europa’ botou a andar este venres pero continuará coas conferencias de expertos no Camiño da talla de Francisco Singul Lorenzo, da Área de Cultura Xacobea de Turismo de Galicia; Manuel Robla Riesco, do Colexio Apóstolo Santiago de Vigo; Manuel Garrido Rivera, da Área de Cultura Xacobea da Xunta de Galicia; Xesús Palmou Lorenzo, presidente da Academia Xacobea, e Benedict Buono, da Facultade de Filoloxía da USC.