Xa se coñece a data do sorteo das 20 vivendas de promoción pública de San Eleuterio

adminON
Lectura mínima de 2

O Concello de Mos informa de que xa está fixada a data e o lugar para o sorteo público das 20 vivendas de promoción pública que a Xunta de Galicia está a construír na urbanización de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga. O proceso avanza tras a aprobación, por parte da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, do inicio formal da selección de adxudicatarios.

Tras unha reunión mantida esta mañá en Pontevedra confirmouse a data do sorteo, que será  9 de xaneiro de 2026 ás 10:30 horas, pero estableceuse que se celebrará no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo (rúa Concepción Arenal, 8), e celebrarase ante notario e en acto público.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, salientou que esta promoción “é un exemplo de colaboración institucional ao servizo da veciñanza”, lembrando que o Concello cedeu de xeito gratuíto a parcela onde se construirá o edificio, mentres a Xunta de Galicia inviste máis de 4 millóns de euros na obra.

O novo edificio de vivenda pública conta con 20 vivendas en réxime de alugueiro, tipoloxías de 2, 3 e 4 dormitorios, unha vivenda adaptada para persoas con mobilidade reducida, 29 prazas de garaxe e 20 rochos, tres alturas máis plantas baixas e soto e cunha distribución interior arredor de dous patios centrais, que melloran a iluminación natural e a ventilación das vivendas.

Ademais, o proceso de adxudicación inclúe reserva do 50% das vivendas para persoas menores de 36 anos, sempre entre os inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia para o concello de Mos.

A alcaldesa destacou que “a prioridade é facilitar o acceso a unha vivenda digna, accesible e de calidade, especialmente para a mocidade e as familias que máis o precisan”, e subliñou que Mos vai seguir colaborando coa administración autonómica para ampliar as oportunidades residenciais no municipio.

Comparte este artigo