Lanza unha campaña baixo o lema ‘Negar a violencia machista, é violencia machista’
Chama a destinar o 1 % do orzamento da Xunta de Galiza e reverter a privatización e os recortes nos servizos públicos, entre outras medidas propostas polo Bloque
Organiza un acto o 2 de decembro en Vigo (ás 20:00h na Morada, rúa Enrique X. Macías 6) centrado nas diferentes formas de violencia e no auxe dos discursos machistas en redes
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de presentar na comarca de Vigo a campaña nacionalista con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, que ten como lema ‘Negar a violencia machista, é violencia machista’.
Unha iniciativa coa que a fronte nacionalista quere denunciar o auxe dos discursos que negan a violencia contra as mulleres empurrados pola dereita, a nivel galego e estatal, e que se reflicten nun recorte dos recursos públicos que se destinan á loita contra a violencia machista e na atención das vítimas.
Cando se cumpren 18 anos da aprobación da “pioneira e vangadista” Lei galega contra a violencia de xénero, o Bloque alerta dos retrocesos nesta materia pola “desidia e os recortes de servizos públicos” aplicados polo PP na Xunta de Galiza, ignorando o clamor das masivas mobilizacións do movemento feminista dos últimos anos.
Cuestións como a falla de financiamento e persoal nos Centros de Información ás Mulleres (CIM), garantir a atención psicolóxica na Atención Primaria, a redución nas axudas económicas e a ausencia de formación especializada nos servizos de atención son, a xuízo do BNG, algúns exemplos da falla de avances na loita contra o machismo.
Dende a fronte nacionalista sinalaron tamén as “demoledoras” conclusións do informe elaborado este 2025 polo Consello de Contas, que evidencia a falla de construción dun sistema público e directo de atención ás vítimas, derivando o Goberno galego a súa responsabilidade en concellos “sobrecargados” ou coa privatización dos servizos.
A ese respecto, as nacionalistas consideran un claro obstáculo para avanzar na loita contra as diferentes formas de violencia contra as mulleres que a Xunta deixe en mans de empresas privadas que fan negocio coa xestión destes servizos, como no caso da atención da violencia sexual ou dos graves problemas detectados recentemente coas pulseiras de control telemático a nivel estatal.
Unha realidade que se reflicte tamén nas cifras de vítimas. No 2024 foron asasinadas, segundo as estatísticas oficiais, cinco mulleres en Galiza. Na actualidade hai máis de 6.000 casos activos en Viogén e no que vai de 2025 houbo varios feminicidios e intentos de feminicidio en Galiza.
“Nun contexto de avance e normalización das posicións negacionistas, que coincide coa defensa ultraliberal do baleirado dos servizos públicos, temos que denunciar de forma clara e directa que cuestionar o a violencia machista é violencia machista e que privatizar e desmantelar os servizos públicos resta capacidade na loita pola igualdade e contra a violencia machista”, defenden dende o BNG.
Acto comarcal en Vigo
O Bloque organiza no marco desta campaña polo 25N un acto comarcal na cidade de Vigo baixo o título ‘Contra a violencia machista, máis servizos públicos. Máis feminismo’, que se celebrará o vindeiro martes 2 de decembro ás 20:00h no local cooperativo A Morada (rúa Enrique X. Macías 6, Vigo). Coas intervervencións de Carme Adán, Cristina Fernández, Raquel Rodríguez e Laura Piñeiro, abordaranse as diversas formas de violencia (no deporte, económica, deep face ou modificación da imaxe con intelixencia artificial) así como o auxe dos discursos da “manosfera”, do machismo en redes. Aliás, o Bloque inclúe a edición dun folleto que recolle información detallada sobre os recursos e puntos de atención a mulleres existentes nos concellos da comarca viguesa.

