· O Concello convoca unha nova edición dos seus xa tradicionais certames de contos, marcapáxinas e vídeos.
· A temática deste ano xirará en torno ás figuras de Filomena Dato e Alejandro Pérez Lugín.
· Os traballos poderán entregarse ata o próximo 6 de maio na Casa da Cultura o una Senra.
O Concello de Bergondo volve sumarse á celebración do Día das Letras Galegas cunha nova edición dos seus xa tradicionais concursos. Dirixidos a toda a poboación maior de 3 anos empadroada no municipio ou que curse estudos nalgún dos seus centros educativos, estes certames buscan fomentar a creatividade e o amor pola cultura galega entre a cidadanía.
XXVII Certame literario ‘Bergondo nun conto’
Este concurso literario convida aos participantes a desenvolver relatos ou poesías. Nesta edición, a temática principal versará sobre a escritora Filomena Dato. Os traballos presentaranse en formato DIN A4, podendo ser a man ou mecanografados. Existen tres categorías: educación infantil e 1º ciclo de primaria, 2º e 3º ciclo de primaria, e Secundaria e adultos.
XX Concurso de Marca-páxinas
Nesta ocasión, os deseños deberán gardar relación co Día das Letras Galegas ou coa figura de Filomena Dato. Pódense realizar a man ou por ordenador, preferiblemente en cartolina, respectando as dimensións especificadas: entre 10 e 20 cm de alto e entre 4,5 e 8 cm de ancho, cunha marxe mínima de 0,5 cm en todo o marcapáxinas. A actividade divídese en catro categorías: Educación infantil, Educación primaria (1º, 2º e 3º), Educación primaria (4º, 5º e 6º), e Secundaria e adultos.
V Concurso de Vídeo
Neste certame audiovisual convídase a crear un vídeo facendo mención ao Día das Letras Galegas 2026 e ao ano dedicado a Filomena Dato e Alejandro Pérez Lugín.
O concurso consta dunha única categoría. Requírese que as persoas participantes acheguen a solicitude de participación (dispoñible na web bergondo.gal), onde se concede ao Concello de Bergondo o permiso para o uso das imaxes.
Entrega de traballos e premios
As obras poderán entregarse presencialmente ata o 6 de maio na Casa da Cultura ou no edificio da Senra. As persoas gañadoras de cada categoría recibirán un bono por valor de 100 euros para gastar nos establecementos adheridos á campaña “En Bergondo, mellor”.
As bases completas dos tres concursos están publicadas no BOP do 07/04/26. Para máis información, a veciñanza pode contactar a través do correo cultura.deportes@bergondo.gal ou chamando ao número de teléfono 981 79 12 52 (extensión 7).

