O BNG convoca este martes un Encontro Aberto por uns Orzamentos Participativos para ‘Un Novo Vigo’

adminON

Organiza un acto para trasladar as súas 198 alternativas ao proxecto de contas de Abel Caballero para 2026 e seguir recollendo propostas da veciñanza e do tecido asociativo

Terá lugar este martes 11 de novembro, ás 19:30h, no Hotel Occidental (rúa Vía Norte 10)

Xabier P. Igrexas: “O BNG mantemos o compromiso de facer da participación das viguesas e vigueses e dos movementos sociais o motor do cambio que precisa a cidade”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) convoca en Vigo un Encontro Aberto por uns Orzamentos Participativos. A fronte nacionalista organiza —este  martes 11 de novembro, ás 19:30h, no Hotel Occidental (rúa Vía Norte 10) — un acto para trasladar as súas 198 alternativas ao proxecto de contas de Abel Caballero para o ano 2026 e seguir recollendo propostas da veciñanza e do tecido asociativo.

“Frente a un Goberno municipal instalado na xordeira autoritaria, o BNG queremos servir de ferramenta para lograr que se escoiten as voces que Abel Caballero non quer ouvir”, destacou sobre o encontro o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, censurando que o proxecto de orzamentos do Concello para o vindeiro ano fose elaborado “en réxime de monólogo sen ningún diálogo”.

Igrexas defendeu a necesidade duns presupostos “de toda a cidade e para toda a cidade” que atendan as “necesidades reais” da cidadanía viguesa. “Para avanzar cara a un Vigo máis xusto e igualitario a nivel social, moito máis verde e habitábel, con máis e mellores servizo públicos, que acabe co abandono dos nosos barrios e parroquias e que poña fin ás políticas de desertización cultural e de castigo contra o deporte e a mocidade”, afirmou.

Nese sentido, puxo en valor o importante número de achegas e propostas do tecido asociativo e dos movementos sociais que incorporaron nas 198 emendas que rexistrou a fronte nacionalista proxecto de contas do Goberno local. “Con este encontro queremos dar un paso máis, desde a premisa de que os cartos do Concello non son de Caballero, senón das viguesas e dos vigueses”, subliñou o portavoz do BNG.

Con ese obxectivo, o Bloque convidou a todas as asociacións, colectivos e entidades da cidade, e chamou a participar a toda a veciñanza para “facer algo revolucionario en Vigo: escoitar e poñer en común”. No encontro, a fronte nacionalista quere explicar a súa valoración dos orzamentos de “máis do mesmo” de Caballero e presentar as súas 198 emendas rexistradas, así como seguir recollendo propostas para levar ao Pleno.

Un acto co que o Bloque quere dar continuidade ao proceso de diálogo iniciado o pasado mes de xuño co Debate Veciñal do Estado da Cidade. “Desde o compromiso de facer da participación da veciñanza e dos movementos sociais o motor do cambio que precisa a cidade; para avanzarmos, xuntos e xuntas, na tarefa partillada de construírmos un novo Vigo, entre todas e para todos”, salientou Igrexas.

Comparte este artigo