Home Vigo Baiona Investimento histórico da Deputación no Val Miñor: 42 millóns de euros en...

Investimento histórico da Deputación no Val Miñor: 42 millóns de euros en 8 anos con 370 obras, 552 empregos e 2.400 actos socioculturais

- Anuncio -

Carmela Silva: “Son cifras incontestables dun balance que non pode presentar ningunha Administración: un 87% superior ao do anterior Goberno provincial do PP cun presidente que repartía a dedo”

A presidenta Carmela Silva compareceu hoxe nun almorzo informativo en Baiona para dar conta da xestión realizada no Val Miñor durante os dous mandatos que está a piques de completar á fronte da Deputación e que supoñen un investimento histórico acumulado de case 42 millóns de euros de fondos provinciais “para transformar como nunca os concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar”. “As cifras falan por si soas”, subliñou, unha inxente cantidade de recursos provinciais que permitiron executar un total de 370 obras; crear 552 empregos coa contratación de persoas desempregadas para traballar en diferentes servizos municipais, e a realización de 2.400 actividades culturais, sociais, deportivas e de fomento da igualdade.

Cando o próximo mes de agosto se completen estes dous mandatos a Deputación terá investido en Nigrán 15,1 millóns de euros; en Gondomar, 13,3 millóns de euros e, finalmente, en Baiona, 13,4 millóns de euros. “Un 87% máis de investimento provincial no Val Miñor do que fixo o anterior Goberno do Partido Popular e daquel presidente que tiña 20 millóns de libre disposición para repartir a dedo”. Carmela Silva falou directamente non só de “cifras incontestables”, senón tamén de “recursos que agora se reparten tódolos anos, goberne quen goberne cada concello, de xeito regrado, e con independencia do ciclo electoral; ao contrario do que se facía e ao contrario do que fai unha Xunta de Galicia que inviste moi pouco no Val Miñor, porque adoita investir nos concellos onde goberna o PP e, aínda así, nunca en proxectos transformadores baseados nun modelo de provincia; unha Xunta, por tanto inútil”.

“Falamos dunha transformación histórica con cifras que evidencian “un progreso sen precedentes, construíndo grandes equipamentos e actuacións”. “Non hai ningunha Administración que poida presentar un balance como este: tódalas grandes obras con nome e apelidos levan o selo da Deputación”, remarcou. “Hai que contar e explicar o que se fixo e que a cidadanía teña os datos para saber, con datos enriba da mesa, que nunca, nunca, se fixo tanto polo Val Miñor”. De actuacións absolutamente demandadas como o Multiusos de Sabarís e a remodelación do Paseo Pinzón (Baiona), da humanización da avenida de Otero Pedraio ou da nova biblioteca de Nigrán, das prazas de Paradela e de Rosalía Castro en Gondomar, das grandes obras nas estradas, da Administración electrónica nos concellos, da iluminación sostible, das oficinas turísticas dixitalizadas, do apoio ao sector turístico, dos grandes festivais de música ou dos campionatos náuticos. Todo isto da man da Deputación”.

O Plan Concellos foi o “motor deste cambio”, achegando un volume de financiamento estable que superou os 23.264.538 euros no Val Miñor. Financiou un total de 52 obras municipais en Nigrán, 76 en Gondomar e 47 en Baiona. Moitas delas obras singulares e recoñecidas pola veciñanza que gozaron de fondos cun plan provincial baseado no respecto á autonomía municipal. A rehabilitación do muíño do Porto do Molle (Nigrán), un novo lote de pavimentacións rurais en Gondomar ou a adecuación da rúa Carabela Pinta (Baiona) son algunhas das actuacións que están a piques de desenvolverse ao abeiro do Plan Concellos.

Os plans extraordinarios, convocados en concorrencia competitiva, posibilitaron desenvolver as grandes dotacións e equipamentos. Unha achega total de máis de 4,8 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria na avenida de Sabarís (Baiona), a biblioteca de Nigrán ou a rúa da Gaivota e, finalmente, para a reforma integral da praza de Paradela (Gondomar). Agora mesmo a Deputación está a mobilizar 2,4 millóns de euros no Valmiñor co plan ReacPon. Xa están en marcha as obras “do balcón ao mar de Baiona”, que é o Paseo Pinzón e tamén as da humanización da rúa Otero Pedraio, de Nigrán. E en Gondomar xa está inaugurada a nova praza de Rosalía de Castro, “que xunto coa praza de Paradela creou outro Gondomar”. Neste punto, Carmela Silva lembrou que a rúa Otero Pedraio era unha estrada autonómica e que a Xunta negouse a humanizala, ata o punto de que o Concello de Nigrán tivo que aceptar a súa recepción nun estado de absoluto deterioro. Finalmente, relatou, rehabilítase con fondos da Deputación.

21 grandes obras de seguridade viaria e proxectos para dúas grandes sendas peonís
As estradas provinciais absorberon 5,1 millóns de euros repartidos en 21 grandes obras de mellora da seguridade viaria, 112 de calmado de tráfico e 47 de conservación e mantemento. A rotonda de Gondomar (rúas San Bieito e do Emigrante), a pavimentación da estrada Chaín-Morgadáns e o acceso a Chenlo, en Gondomar; a pavimentación da estrada Sabarís-Belesar, a mellora da seguridade na Baredo-Loureza (Baiona) ou as pavimentacións en marcha nas estradas de Panxón-Patos e Monteferro (Nigrán) son algúns exemplos. A presidenta aproveitou o almorzo informativo para informar da inminente licitación da senda de Parada e da próxima sinatura do convenio para a senda de Chandebrito, dous investimentos que superarán os 4 millóns de euros, como exemplo de próximas actuacións.

Os fondos europeos que o Goberno do Estado envía á Deputación significaron xa unha achega de 657.000 euros para o Valmiñor co obxectivo de avanzar na iluminación sostible, a eficiencia enerxética e a modernización dos puntos limpos de Nigrán e Gondomar.

Por servizos provinciais, Igualdade ofertou 53 cursos e repartiu 150.000 euros en subvencións aos concellos. En Cohesión Social, financiáronse os Servizos Sociais Comunitarios con 1,4 millóns de euros e as axudas de emerxencia con outros 254.000 euros. Amais repartíronse subvencións a entidades sociais para proxectos como o rexeitamento do acoso escolar, a piscina terapéutica para maiores ou o apoio a persoas con autismo. O servizo provincial de Turismo investiu 800.000 euros para dixitalizar a praia América en Nigrán, levar o selo de calidade SICTED a 13 empresas e modernizar as dúas oficinas da rede Rías Baixas, en Baiona e Nigrán, ademais de apoiar ao comercio co proxecto Commerce Inside. Finalmente, déronse subvencións a festivais e probas deportivas náuticas. A Deputación fixo posible 1.900 actuacións musicais, teatrais e audiovisuais no Val Miñor a través do servizo de Cultura. Na área de Deportes dedicou case un millón de euros para financiar a 73 clubs, 26 deportistas e 15 escolas deportivas. Finalmente, o servizo de Novas Tecnoloxías fixo posible a Administración electrónica municipal e asesorou ás empresas no seu avance cara á dixitalización.

A preguntas dos xornalistas Carmela Silva destacou que o PP non ten ningunha probabilidade de recuperar a Deputación nas próximas Municipais “ata o punto de que algún dirixente do PP na Coruña di que a provincia de Pontevedra vai ser “a tumba de Rueda” e tamén o anticipan así as enquisas, que vaticinan un varapau para o PP en Vigo e na comarca do Salnés, ademais dun avance do Partido Socialista nas comarcas do Deza e de Pontevedra”. “Non é que o teñan difícil para recuperar a Deputación; téñeno imposible porque calou que hai outro xeito de gobernar nunha provincia na que agora só se ven carteis de obras da Deputación e que, aquí, no Val Miñor, por poñer un exemplo, inviste un 87% máis”.

A presidenta tamén respondeu ás preguntas dos medios sobre a candidatura de Xesús Almuíña á Alcaldía de Baiona. Tras subliñar que lle parecen lexítimas tódalas candidaturas que a dereita presente, matizou que con Baiona cómpre facer unha excepción polo “filibusterismo político dun PP que só busca colocar aos amiguis”. Considerou como “unha falta de respecto total que o PP presente un candidato que non quere volver a Baiona” e que admite publicamente nunha entrevista que o partido llo impuxo. Engadiu que “xente do PP de Vigo dá por feito que Almuíña entrará na lista do Senado como contraprestación”. “Almuíña non quería ser candidato en Baiona porque estaba encantado na presidencia do porto de Vigo; ademais, xa no seu día dixo que daba por pechada a súa etapa en Baiona e así está nas hemerotecas”. A presidenta explicou tamén que a remoción de Almuíña na presidencia da rada viguesa servirá para “buscarlle un acomodo, un posto, á candidata do PP en Vigo, que vai levar un batacazo tremendo”.

Relacionadas

O presidente da Deputación visita en Paderne o futuro centro de transformación de produtos...

0
Luis Menor, acompañado polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e do alcalde de Paderne de Allariz, Manuel Pérez, coñeceu in situ o estado actual desta infraestrutura que...

A IX Copa Deputación de Natación Sincronizada reúne este sábado a 250 deportistas de...

0
A IX Copa Deputación de Natación Sincronizada reunirá este sábado, 4 de maio, na piscina Rosario Dueñas, a un total de 250 deportistas de...

A Deputación abre en xuño as portas do recinto conventual de Santa Clara para...

0
Terán lugar o venres 7 de xuño ás 18:00 horas e os días 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño ás 11:00 horas....

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo luns 6 de maio as...

0
Esta liña de subvencións está dotada con 200.000 euros e permitirá que as entidades locais creen ou ben manteñan e reforcen os servizos de...

O Salinas Club de Lectura pecha unha apretada axenda de escritores ata Nadal

0
Tralo éxito da xornada inaugural, as persoas lectoras están citadas para o 21 de maio con “O mar que nos leva”, de Moncha Fuentes César...

A Deputación aconsella extremar a vixilancia das viñas ante o mildio e o black...

0
Areeiro recomenda tratar tamén ante o mildio as patacas e plantas de horta xa que as choivas estes días e a subida de temperaturas...

Publicacións Relacionadas