O BNG de Vigo revela que o Goberno municipal prevé deixar 105 millóns sen executar este ano

Redacción
Lectura mínima de 4

Critica no Pleno o voto en contra de PSOE e PP ás 177 emendas nacionalistas para destinar 63 millóns dos remanentes a vivenda, política social e atención dos barrios e parroquias

Xabier P. Igrexas: “O BNG formulamos unha alternativa global a un modelo de xestión esgotado, reducido a propaganda e autobombo do alcalde-emperador”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o Goberno de Abel Caballero prevé deixar como mínimo 105 millóns de euros sen executar este 2026. Así o revelou este luns no Pleno o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante o debate do marco orzamentario do Concello para os vindeiros anos.

Igrexas cuestionou o “relato oficial” do Goberno local sobre os remanentes, asegurando que son a “evidencia dunha incapacidade reiterada” en lugar dun indicador de boa xestión. “Representan proxectos incumpridos, anuncios baleiros e necesidades sociais que seguen sen resposta efectiva”, subliñou.

Lembrou que esta previsión de inexecución para 2026 vén a sumarse á xerada durante os pasados exercicios, que no pasado ano chegou até os 137 millóns. “Son cartos públicos que non chegaron á cidadanía cando eran necesarios, que deberían estar xa investidos en mellorar servizos públicos, reforzar políticas sociais e atender os barrios”, lamentou.

O portavoz municipal do BNG cualificou por estes motivos de “máis do mesmo” o marco orzamentario elaborado polo Goberno de Caballero para o período 2027-2029. Chamou nese sentido a reorientar o gasto público para atender as necesidades reais das viguesas e vigueses fronte ao que tachou de política de inauguracións de Caballero.

Dende o Bloque volveron esixir participación, mellor planificación e alargar os servizos públicos fronte á “crecente privatización” do Concello. Nese obxectivo, esixen reforzar o persoal municipal despois de deixar o 20% do orzamento sen executar o pasado ano e contar con máis de 300 prazas vacantes por adxudicar.

Non ás 177 emendas

Durante a sesión plenaria debatéronse dúas modificacións orzamentarias do Concello e da Xerencia de Urbanismo, respectivamente, para as que o BNG formulou unha “alternativa ambiciosa e rigorosa” cun total de 177 emendas parciais para mobilizar 63 millóns adicionais dos remanentes que incluían actuacións en materia de vivenda, política social e na atención dos barrios e parroquias.

“O BNG formulamos unha emenda global a un modelo de xestión esgotado, reducido a propaganda e autobombo do alcalde-emperador”, afirmou Igrexas, en referencia ao alcalde, Abel Caballero, de quen afeou unha nova ausencia no Pleno para asistir a unha xuntanza do seu partido en Madrid. Os votos en contra dos grupos municipais do PSOE e do PP tombaron todas as propostas do Bloque.

“Pacifismo de Hacendado” de PSOE e PP

Dende a fronte nacionalista afearon tamén o rexeitamento de PSOE e PP á súa moción en favor da paz, contra o militarismo e para frear as consecuencias da guerra. Tachou de “pacifismo de Hacendado” a posición do grupo socialista, criticando o apoio ao desfile das Forzas Armadas en Vigo o vindeiro 30 de maio. “A paz non se defende con tanques e armas nas rúas da cidade”, censurou, de vez que cargou contra o grupo popular lembrando o seu papel nas Azores e na guerra do Irak.

Comparte este artigo