O Concello do Porriño inicia os traballos de asfaltado no Polígono das Gándaras dentro do plan de mellora dos polígonos industriais

Redacción

● Os traballos arrancaron co fresado e continuarán en horario nocturno este martes 20 e mércores 21 de outubro.
● A actuación nas Gándaras, cun orzamento de case 150.000 euros, forma parte do paquete de investimentos municipais de máis de 300.000 euros para a modernización do solo industrial no municipio.

O Concello iniciou os traballos de mellora do firme no Polígono Industrial das Gándaras, unha actuación moi agardada que mellorará a seguridade e as condicións de circulación nunha das áreas económicas máis importantes do municipio.
Tras as tarefas previas de fresado as labores de asfaltado executaranse durante as xornadas do martes 20 e mércores 21 en horario nocturno para minimizar o impacto no tráfico habitual e na atividade diaria das empresas instaladas no polígono. Dende a administración municipal solicítase precaución á hora de circular pola zona, prestando atención á sinalización provisional e empregando vías alternativas en horario nocturno mentres duren as tarefas máis arduas.
Unha mellora integral de máis de 2,6 quilómetros de viais
A obra no Polígono das Gándaras conta cun investimento total de 149.976 euros —financiado conxuntamente pola Xunta de Galicia a través do programa de Mellora da Infraestrutura dos Parques Empresariais e con fondos propios municipais—.
As tarefas abranguen unha lonxitude de 2.600 metros de viais e inclúen a renovación do firme cunha nova capa de rodaxe sobre máis de 10.000 m2. Ademais para contribuir á seguridade peonil se elevarán dous pasos de peóns e intalaranse cuatro novos sumidoiros para evitar a acumulación de auga nas zonas de paso. Tras os asfaltados farase a renovación completa da sinalización horizontal e vertical.
Con máis de 2.200 empresas activas e máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial, a industria representa o 50,1% do PIB municipal, a porcentaxe máis alta de toda Galicia. “O Porriño é o motor industrial de Galicia”, asegura o alcalde, “e os nosos polígonos son o motor do municipio”. Por iso lembrou que ademais do investimento no mantemento de infraestruturas, o Concello mantén a súa aposta polas empresas con bonificacións fiscais de ata o 95% e sen subas nas taxas municipais para seguir atraendo novos proxectos e xerando emprego.
Estas actuacións nos polígonos complementanse cun importante traballo de mantemento no rural que o Concello está levando a cabo nos últimos meses, “e que continuará en vindeiras datas”, explicou o rexedor.

Aposta decidida polo motor económico de Galicia
Esta actuación súmase ao proxecto de mellora integral do Polígono Industrial A Casilla (Atios), que xa están adxudicados tamén e cuxos traballos se agarda que comecen en breve. Contan cun orzamento de 153.842,69 euros para a renovación de viais, redes de abastecemento, saneamento de pluviais e iluminación pública. En conxunto, ambos os proxectos representan un investimento de 303.818,69 euros destinadas a reforzar a competitividade industrial do Porriño.

Comparte este artigo