O BNG emenda a suba xeral dos impostos de Caballero para unha “fiscalidade máis xusta” en Vigo

adminON
Lectura mínima de 6

Rexistra 60 emendas ao proxecto de ordenanzas fiscais para 2026 diante da pretensión do alcalde de subir un 4% as taxas municipais por terceiro ano consecutivo

Defende unha fiscalidade municipal progresiva ampliando as bonificacións e exencións

Diante da “navallada” do recibo do lixo propoñen reducir as tarifas até nun 18% e piden poñer fin ao “calote” do recibo da auga

Xabier P. Igrexas: “Fronte a un Goberno que insiste na tortura fiscal, o BNG propomos unha alternativa para evitar que a veciñanzapague cada vez máis a cambio de menos”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar unha batería de 60 emendas ao proxecto de ordenanzas fiscais do Concello de Vigo para o ano 2026. As propostas da fronte nacionalista buscan avanzar cara a unha fiscalidade “socialmente xusta” fronte á “tortura fiscal” do Goberno de Abel Caballero, que pretende subir de forma xeral un 4% os impostos e taxas municipais, por terceiro ano consecutivo.

O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, defendeu as propostas do Bloque como unha “alternativa concreta e sólida para evitar que as viguesas e vigueses cada vez paguen máis a cambio de menos”, acusando o Goberno local de incrementar os impostos malia que, cada ano, deixa sen gastar 100 millóns de euros do orzamento municipal pola súa “incapacidade na xestión”.

O BNG reclama conxelar todos os importes e dar marcha atrás ao incremento xeral do 4% e aposta por unha fiscalidade na que “quen menos pode, menos pague” a través do alargamento das bonificacións e exencións. Neste sentido, demanda nas súas emendas unha rebaixa do 50% para as familias e fogares con menos recursos no recibo do IBI, no imposto de circulación, no lixo e nas escolas municipais e instalacións deportivas.

Reducira navallada do recibo do lixo

En relación á “navallada” no recibo do lixo, que vén de sufrir un incremento “brutal”, a fronte nacionalista propón unha modificación das tarifas para facelas progresivas. “Non ten sentido que pague o mesmo recibo un fogar con tres persoas que cunha soa”, afirmou Igrexas. Aliás, piden ampliar até o 75% o desconto na cota variábel para os fogares, “a ampla maioría”,que contribúen na recollida separativa e na reciclaxe.

Con esta medida, defendeu Igrexas, unha familia de catro membros vería reducido o recibo do lixo un 14%, pasando de 131,23 a 113,08 euros. E no caso de fogares cunha soa persoa, moitas delas maiores, rebaixaría nun 18% este imposto dos 123,73 aos 101,83 euros.“Trátase dun paliativo que sabemos insuficiente, pero que permite reducir o impacto deste recibo no camiño de superar o modelo caro, obsoleto, antiecolóxico e ineficiente que representa Sogama”, salientou o portavoz municipal nacionalista.

Fin ao “calote”no recibo da auga

Na mesma liña, no BNG insistenen dar pasos para poñer fin ao que cualifican como“calote” do recibo da auga en Vigo. Reclaman un desconto do 25% no recibo a todos os fogares nos que o consumo mensual sexa inferior a tres metros cúbicos por persoa, ademais da exención total para persoas perceptoras de axudas sociais como garantía de acceso universal a este ben básico.

A fronte nacionalista chama ademais aavanzar cara aun modelo100% público e que cobre de verdade en función do consumo real. Así, piden constituír un grupo de traballo aberto á participación do tecido asociativo e de persoas expertas, durante o primeiro trimestre de 2026, para estudar un novo modelo integral da xestión da auga e novo sistema tarifariopara os servizos de abastecemento, saneamento e depuración.

Recargo a vivendas baleiras e turísticas

Outro dos eixos das 60 emendas nacionalistas busca enfrontar con medidas fiscais o “gravísimo” problema do acceso social á vivenda en Vigo. Nese obxectivo, explicou Igrexas, o BNG demanda aplicar un recargo do 150% a todas as vivendas baleiras e sen uso -máis de 22 mil segundo o último censo do INE- e tamén aos pisos turísticos diante da súa proliferación na cidade. Ao tempo, a fronte nacionalistapide que se bonifique nun 95% o IBI a todas as vivendas que se incorporen a algún programa público de promoción do alugueiro ou destinadas a arrendamentos en réxime de protección ou social.

Maior esforzo fiscal para grandes empresas e casas de apostas

Dende o Bloque defenden tamén nas súas propostas “adecuar o esforzo fiscal de quen ten máis recursos”, polo que reclaman un incremento do 20% no Imposto de Actividades Económicas, para as empresas cunha facturación superior a 1 millón de euros, como medida que compense as bonificacións e exencións propostas para as persoas e familias con menores recursos.

Do mesmo xeito, as nacionalistas chaman a recargar nun 95% o IBI e as taxas de actividade para a “lacra” das casas de apostas, así comopara aquelas empresas dedicadas á xestión e promoción de vivendas de uso turístico. Aliás, piden subir as taxas que pagan os bancos e entidades financeiras por uso da vía pública cos caixeiros.

Comparte este artigo