O BNG de Vigo cualifica a saída de Ryanair de Peinador como a proba definitiva do fracaso das subvencións

adminON
Lectura mínima de 3

Urxe despregar un plan de dinamización do aeroporto, a través da cooperación entre Concello, Xunta e Goberno español, para que a terminal non dependa de decisións “arbitrarias e caprichosas” das compañías

Propón medidas para modernizar Peinador, mellorar os seus accesos e conectividade intermodal, permitir a apertura 24 horas e potenciar o transporte de mercadorías

Xabier P. Igrexas: “Hai que superar esa visión reducionista que entende que os aeroportos galegos compiten entre si, cando o verdadeiro competidor é Sá Carneiro”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) valora o anuncio de Ryanair de cancelar os seus voos desde Peinador, a partir de 2026, como “a proba definitiva do fracaso do modelo de subvencións a aeroliñas”. A fronte nacionalista considera que esta decisión evidencia a “necesidade urxente dun cambio estratéxico” no aeroporto de Vigo que non dependa das “decisións arbitrarias e caprichosas” das compañías privadas.

“O BNG levamos moitos anos advertindo de que este modelo non tiña máis percorrido; cando os cartos acaban ou lles parecen insuficientes, as aeroliñas voan pero para marcharen de Peinador”, afirmou o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, asegurando que as subvencións só beneficiaron a estas compañías sen garantir unha oferta estábel e unha conectividade aérea suficiente dende Peinador.

Fronte a esta situación, Igrexas volveu demandar a posta en marcha dun plan de dinamización da terminal viguesa no que participen todas as Administracións públicas –Concello de Vigo, Xunta de Galiza e Goberno español- para consolidar Peinador como o aeroporto referente do sur do país e da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

O portavoz municipal trasladou novamente medidas concretas para modernizar Peinador, mellorar os seus accesos e a conectividade intermodal, permitir a apertura 24 horas e potenciar o transporte de mercadorías, todas elas defendidas pola fronte nacionalista nas súas emendas aos Orzamentos Xerais do Estado dos últimos anos.

“O competidor é Sá Carneiro”

Dende o BNG insistiron na necesidade de apostar pola cooperación e a coordinación co obxectivo de articular un verdadeiro sistema aeroportuario galego, que permita mellorar a oferta e complementar as potencialidades de cada terminal mediante a súa especialización. “O futuro de Peinador pasa por superar esa visión reducionista que entende que os aeroportos galegos teñen que competir entre si, cando o noso verdadeiro competidor é o Sá Carneiro”, valorou Igrexas.

Un cambio de modelo que, asegurou o portavoz nacionalista, ten que converter o aeroporto de Peinador na referencia do sur galego e blindar a súa continuidade como “infraestrutura estratéxica” para a área de Vigo, a de maior dinamismo económico e produtivo de Galiza. “É o momento dun xiroestratéxico e de que todas as administracións senten para cooperar para desenvolver as enormes potencialidades que ten Peinador”.

Comparte este artigo