A fronte nacionalista solicita información urxente sobre os pasos dados para a súa constitución, tras máis de dous meses de ser anunciada por Caballero e de contar con 4,5 millóns xa reservados no orzamento municipal
Xabier P. Igrexas: “Vigo precisa xa unha Empresa Municipal de Vivenda que sexa unha ferramenta real e útil, non outro titular propagandístico”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Vigo esixe ao Goberno municipal que aclare en que punto se atopa o proceso de constitución da anunciada Empresa Municipal de Vivenda. Pasados máis de dous meses desde que o alcalde fixese pública a súa creación, o pasado 27 de xuño, e logo de que no Pleno do 11 de agosto se destinara unha partida de 4,5 millóns de euros para esta finalidade, a fronte nacionalista denuncia que a día de hoxe nada se sabe sobre os avances reais da iniciativa.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou que a formación solicitará formalmente explicacións sobre se xa existen estatutos, se se iniciaron os trámites rexistrais e, sobre todo, cal é a previsión de posta en marcha da nova entidade. “Non podemos permitir que quede en outro gran anuncio baleiro mentres a cidade sofre unha emerxencia habitacional”, advertiu.
Desde o BNG critican que a única información dispoñíbel até o momento é media páxina dun expediente administrativo, cun redactado “tan burocrático como inconcreto”, no que non se define nin a estrutura organizativa, nin o persoal previsto, nin as funcións concretas, nin a sede que terá a futura empresa. “O único que sabemos é que parece que se vai chamar EMVIGO”, sinalou o portavoz municipal nacionalista.
Igrexas lembrou que a creación dun organismo público dedicado á vivenda foi unha das medidas aprobadas polo Pleno en marzo de 2024 a través dunha moción do BNG, co obxectivo de dotar a Vigo dun parque de vivenda pública e social con prezos accesíbeis. “Case un ano e medio despois, a única realidade é un anuncio e unha partida orzamentaria que pode quedar sen executar, como acontece con tantas outras promesas do actual Goberno local”, denunciou.
“Non hai tempo que perder”
O Bloque insiste na necesidade de que Vigo conte cunha entidade municipal que asuma como tarefa prioritaria dar resposta á situación que padece a cidade, con milleiros de fogares expulsados do acceso a unha vivenda digna polos prezos inasumíbeis. “A súa tarefa prioritaria ten que ser dotar Vigo dun parque público de vivenda protexida e social con prezos accesíbeis diante da situación de emerxencia habitacionalque padcemos”, subliñan.
“Non hai tempo que perder, Vigo precisa xa unha Empresa Municipal de Vivenda que sexa unha ferramenta real e útil, non outro titular propagandístico”, concluíu Igrexas.

